Mostrando entradas con la etiqueta Estefanía López. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Estefanía López. Mostrar todas las entradas

domingo, 29 de abril de 2018

En algún lugar de China



Folgueira
, Ana, En algún lugar de China, ilustr. Emilio Amade, Andalucía: Syllabus Ediciones, 2010, [36 pp.],(ISBN: 978-84-938213-0-2).

Breve descrición do formato e contido. En algún lugar de China é unha obra de perfil poético que trata a adopción. Nela nárrase como un paxaro, nas noites nas que non hai lúa, ata un lazo vermello ás crianzas que non teñen familia e sae voando para ir na procura dunha familia. A obra contén unhas imaxes que complementan á perfección o texto que xoga co tamaño das grafías, combinando diferentes gamas de cores e utilizando a simplicidade. Ademais mestura diferentes puntos de vista para mellorar así a comprensión do texto.

Potencialidades educativas. É esta unha proposta creativa de interese para traballar a adopción a través dunha historia real. Así mesmo posibilita abordar a empatía, o respecto e a convivencia.

Recursos de interese.

Vídeo-conto

Etiquetas. Familia, adopción, álbum ilustrado, poesía.

Autoría. Estibel (Estefanía López Tanoira, Tiffany Pintos Nieto e Belén Sanmartín Malheiro).

La pequeña hija del Ganges


Miró, A., La pequeña hija de Ganges, ilustr. Patricia Geis, Barcelona: Alba Editorial, [44 pp.], 2014, (ISBN: 978-84-8428-969-2).

Breve descrición do formato e contido. La pequeña hija de Ganges é unha obra de perfil autobiográfico que narra a historia de Asha, unha nena de sete anos da India que vive nun orfanato por falta de recursos económicos na súa familia. Asha era unha nena feliz, aínda que cría que lle faltaba algo para selo completamente: unha familia. Non parou ata que conseguiu que unha parella de Barcelona a adoptara e, cando chegou á cidade, atopou a plena felicidade xunto á súa nova familia. Atopámonos cun álbum ilustrado que combina o texto cunha selección de imaxes cargadas de cor que complementan o mesmo, dándolle á historia una mellor interpretación.

Potencialidades educativas. Con esta obra podemos traballar de maneira sinxela o tema da adopción, o máis desexado pola protagonista deste álbum. Ademais, abordaremos o compañeirismo e as dificultades que poden aparecer coa convivencia, dificultades que poderán semellarse ás presentes na aula.

Etiquetas. Familia, adopción, álbum ilustrado.

Autoría. Estibel (Estefanía López Tanoira, Tiffany Pintos Nieto e Belén Sanmartín Malheiro).

La mejor familia del mundo


López, Susana, La mejor familia del mundo, ilustr. Ulises Wensell, Madrid: SM, 2008, [32 pp.], (ISBN: 978-84-675-2688-2).

Breve descrición do formato e contido. La mejor familia del mundo comeza cunha nena dun orfanato que por fin é adoptada. A nena pasa a noite soñando como sería a mellor familia do mundo e, aínda que os seus integrantes non son como ela agardaba, decátase de que ten a mellor familia do mundo. Este álbum ilustrado de 34cm x 24cm amosa unhas imaxes que xogan coas sombras e difuminados e que complementan o texto, seguindo unha liña sinxela en trazos e cores, que permite comprender mellor esta historia de desexos e adopción.

Potencialidades educativas. Esta historia é axeitada para traballar a adopción, xa que amosa que unha crianza non precisa ter unha familia extraordinaria. É suficiente ter unha familia completamente normal que satisfaga as necesidades dos cativos e cativas para ser feliz.

Recursos de interese.

Etiquetas. Familia, adopción, álbum ilustrado.

Autoría. Estibel (Estefanía López Tanoira, Tiffany Pintos Nieto e Belén Sanmartín Malheiro).

Eleneja

Amavisca, L., Eleneja, ilustr. Mónica Carretero, Barcelona: Flamboyant, 2017, [40 pp.] (ISBN: 978-84-946035-8-7).

Breve descrición do formato e contido. Eleneja é un álbum de tapa dura, de 23x25cm, que trata dun animal que non sabe quen é, pois é filla dunha xirafa e non atopa similitudes coa nai. Atópase nunha familia completamente distinta e emprende o camiño para poder coñecer a súa orixe. As imaxes sobresaen pola súa capacidade para espertar os sentidos, xa que posúen unha ampla e poderosa gama de cores. Ademais de complementar esta historia asentada na procura da identidade, convidan á lectura e a fixarse nos detalles pola súa forza sedutora lograda polas formas e a cor dos protagonistas, así como polas cálidas recreacións das escenas.

Potencialidades educativas. A principal potencialidade desta obra é traballar os tipos de familia e a adopción, xa que este animal se atopa nunha familia que, aínda que lle ofrece todo o seu agarimo, non é coma ela. Ademais podemos aproveitar o álbum para tratar a diversidade na súa plenitude, visualizándoa como un beneficio e non como un impedimento.

Recursos de interese.

Etiquetas. Familia, adopción, álbum ilustrado.

Autoría. Estibel (Estefanía López Tanoira, Tiffany Pintos Nieto e Belén Sanmartín Malheiro).

martes, 24 de abril de 2018

Mamá


Ruiz Johnson, Mariana, Mamá, trad. Manuela Rodríguez, Pontevedra: Kalandraka, 2014, [32 pp.], (ISBN:978-84-8464-828-4).

Breve descrición do formato e contido. Este fermoso álbum transmite de forma literaria o que significa ser mamá. Coa tenrura dun texto poético fainos lembrar as nosas nais con todas e cada unha das calidades que estas posúen. A través do conto dan a vida, cóidannos e protéxennos de forma innata, por iso nunha das ilustracións aparece unida ao universo e á natureza. O álbum está composto por unhas ilustracións en tons moi intensos e coloridos, predominando en case todas as páxinas a presenza de cores alaranxadas, amarelas e vermellas, que destacan xa nas tapas duras do libro. A figura da nai resáltase nas láminas ao amosar diversos animais acompañados sempre das súas crías, reforzando así a relación nai-fillo que quere resaltar a autora. A lectura desta obra propicia a aparición de sentimentos cálidos e doces cara á figura das mamás, tanto nos máis cativos coma nas persoas maiores. Esta creación foi a gañadora do VI Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados.

Potencialidades educativas. Esta obra ten unha gran compoñente sentimental que pode ser moi útil para traballar as emocións na aula co noso alumnado de educación infantil, abordando o tema do amor que sente unha nai polos fillos e viceversa.

Recursos de interese.

Etiquetas. Familia, mamá, álbum ilustrado.

Autoría. Estibel (Estefanía López Tanoira, Tiffany Pintos Nieto e Belén Sanmartín Malheiro).

A avoa adormecida


Parmeggiani, R., A avoa adormecida, ilustr. João Vaz de Carvalho, trad. Xosé Ballesteros, Pontevedra: Kalandraka, col. “MareMar”, 2015, [32 pp.], (ISBN: 978-84-8464-914-4).

Breve descrición do formato e contido. Esta narración reflicte a cálida relación entre un cativo e a súa avoa, a cal está enferma debido á súa avanzada idade. Durante o relato, o cativo recorda os momentos lúcidos vividos coa avoa. Nas últimas páxinas represéntase o falecemento da enferma dunha forma metafórica. Malia que na historia non se expresa, evidénciase que a doente sofre alzheimer ou demencia, dado que antes de que quedase encamada, “adormecida”, esquecíase dos recordos e facía cousas estrañas. Estamos ante un álbum de tapa dura, composto por ilustracións en tons brancos, azuis, grises e marróns que semellan a vellez e os hospitais.

Potencialidades educativas. Serve esta proposta textual e icónica para abordar as enfermidades dexenerativas e os seus síntomas, como é o caso do alzheimer ou a demencia. Ademais de tratar o tema do falecemento dun familiar, concretamente dos avós do noso alumnado, permítenos reforzar a relación avós-netos.

Etiquetas. Familia, morte, alzheimer, avós.

Autoría. Estibel (Estefanía López Tanoira, Tiffany Pintos Nieto e Belén Sanmartín Malheiro).

Non é fácil pequeno esquío


Ramón, Elisa, Non é fácil pequeno esquío, ilustr. Rosa Osuna, trad. Marisa Nuñez, Pontevedra: Kalandraka, col. “Demademora”, 2003, [40pp.], (ISBN:84-8464-183-X).

Breve descrición do formato e contido. Estamos ante a historia dun esquío que chora a morte da súa nai. No transcurso do conto móstranse os sentimentos de dor e tristeza que ten o protagonista. Finalmente, o esquío acepta a ausencia definitiva da nai e comeza a lembrar os bos momentos vividos con ela e a convivir co sucedido. As ilustracións son frías nas imaxes que representan a tristeza e a dor do esquío, contrastando coas imaxes cálidas cando amosa as vivencias deste coa falecida. O álbum é de 22x22cm e de tapa dura. Así mesmo, é unha das poucas obras que aborda o falecemento dunha nai e que nos fai lembrar a coñecida obra Bambi.

Potencialidades educativas. Este conto serve para tratar o falecemento dun familiar próximo ao alumnado, concretamente dunha nai, e axudar a superar o dó.

Recursos de interese.
Etiquetas. Familia, morte, álbum ilustrado.
Autoría. Estibel (Estefanía López Tanoira, Tiffany Pintos Nieto e Belén Sanmartín Malheiro).

A viaxe de Mamá


Ruiz Johnson, Mariana, A viaxe de mamá, trad. Manuela Rodríguez, Pontevedra: Kalandraka, col. “Demademora”, 2016, [32 pp.], (ISBN:978-84-8464-992-2).

Breve descrición do formato e contido. Neste álbum de tapa dura nárrase a historia dun elefante que lamenta a marcha da súa nai por unha viaxe laboral. No transcurso do día a día, o cativo fai unha morea de cousas diferentes e divertidas co seu pai, pero malia isto, nota a ausencia da súa nai. Os personaxes son animais humanizados en escenarios da vida cotiá como a casa ou o aeroporto. As ilustracións da obra reflicten os sentimentos que ten o protagonista ante a ausencia da nai como son a inseguridade e a morriña a través de cores frías; estas contrastan cos momentos divertidos que se caracterizan por unhas ilustracións máis cálidas, empregando en todas as páxinas sempre unha paleta de cores verdosas. O texto mestúrase nas imaxes con frases curtas de fácil comprensión.

Potencialidades educativas. Con este relato podemos abordar temas como a responsabilidade da figura do pai no fogar, a igualdade ou a coeducación. Así mesmo serve para traballar con aquel alumnado que ten constantes ausencias dalgún dos proxenitores na casa por motivos laborais. E, finalmente, poderemos centrarnos tamén nos medios de transporte.

Etiquetas. Familia, ausencia, álbum ilustrado.

Autoría. Estibel (Estefanía López Tanoira, Tiffany Pintos Nieto e Belén Sanmartín Malheiro).

jueves, 5 de abril de 2018

Con Tango son 3


Richardson, Justin e Peter Parnell, Con Tango son tres, ilustr. Henry Cole, Pontevedra: Kalandraka, col. “Tras os Montes”, 2016, [32 pp.], (ISBN: 978-84-8464-985-4).


Breve descrición do formato e contido. Con Tango son tres é unha fermosa historia que parte dun acontecemento real sucedido no zoo de Central Park (Nova York). Neste recinto verde conviven familias de pingüíns, pero hai unha que é moi particular. Roi e Silo son dous pingüíns namorados que vían como o resto de parellas podía facer unha cousa que eles non… POÑER UN OVO!!! Un día, o coidador do zoo depositou un ovo no seu niño de pedras, polo que lles deu a oportunidade de formar unha familia. E así foi como, con moito amor e coidado, naceu Tango, o primeiro pingüín en ter dous pais. Esta recreación literaria de curta extensión posta en boca dun narrador en terceira persoa permite visualizar a multiplicidade de familias que integra a nosa realidade social. Así mesmo preséntase nun álbum ilustrado de tapas duras que inclúe unha serie de imaxes a dobre páxina, nas que as cores pasteis se combinan con cores máis vivas para ofrecer unha lectura visual complementaria do fío narrativo, que se desenvolve baixo o protagonismo animal. A interrelación que se dá entre os elementos textuais e icónicos axudará ás crianzas a mergullarse nesta lectura recomendable pola súa calidade literaria e estética, así como a sensibilizalas cara ao recoñecemento e respecto polas diferentes familias, nas que o máis relevante está no amor que une os seus membros e non na súa condición.


Potencialidades educativas. A temática desta obra permítenos traballar os tipos de unidades familiares que existen, así como as dúbidas e preguntas que lles poidan xurdir a todos os nenos e nenas. Con este álbum literario pódese, sen dúbida, mostrar como calquera familia ha de ser considerada válida e ser respectada, sen importar a variedade, condicións, peculiaridades... de quen as forma, sempre que se manteñan os valores positivos desta institución tan relevante para a etapa formativa do noso alumnado. Tamén permite abordar outras cuestións vinculadas co sexo e mesmo outros valores como a igualdade, a solidariedade, o respecto..

Recursos de interese.

Etiquetas. Justin Richardson, Peter Parnell, Henry Cole, familia, Kalandraka, diversidade familiar, álbum ilustrado, Estibel.

Autoría. Estibel (Estefanía López Tanoira, Tiffany Pintos Nieto e Belén Sanmartín Malheiro).

Grazas


Minhós Martins, Isabel, Grazas, ilustr. Bernardo Carvalho, trad. Xosé Ballesteros, Pontevedra: Kalandraka, 2013, [32 pp.], (ISBN: 978-84-8464-826-0).


Breve descrición do formato e contido. É este un álbum ilustrado de tapas duras, encadernado en cartoné e medidas 22x22 cm. Nel predominan as ilustracións de trazos espontáneos e cores cargadas de luz, que transmiten enerxía e positivismo en todas as páxinas e se acompañan dun breve texto que enfía verbalmente a historia. A linguaxe empregada é moi sinxela, o que facilita a comprensión polas crianzas da mensaxe que se dirixe a todas as persoas que conforman as nosas vivencias e contribúen á nosa formación e nos axudan a configurar o noso “eu” tanto individual como en relación co resto da sociedade. O narrador da historia fala desde unha primeira persoa das súas experiencias máis persoais e próximas, nas que se atopan con persoas do máis plural e de diferente procedencia.

Potencialidades educativas. Esta obra logra pola focalización desde unha primeira persoa e a substancia do seu contido que o lectorado empatice co seu protagonista e experiencias, por medio das cales flúe a transmisión de valores tan importante como son ter paciencia, apreciar a disciplina, obedecer as persoas maiores, saber gañar e perder, integrarse nun equipo, practicar o compañeirismo, escoitar e gozar do silencio, afrontar retos para perder os medos, ser prudentes e perseverantes e, finalmente, recoñecer a beleza dos momentos e do que nos rodea.

Recursos de interese.
Etiquetas. Isabel Minhós, Bernardo Carvalho, Xosé Ballesteros, familia, Kalandraka, álbum ilustrado, Estibel.

Autoría. Estibel (Estefanía López Tanoira, Tiffany Pintos Nieto e Belén Sanmartín Malheiro).

Mi bisabuela


Lemos, Amada, Mi bisabuela, ilustr. Susana Rico, Barcelona: Idampa, col. "En familia", 2015, [36pp.], (ISBN: 978-84-942457-9-4).


Breve descrición do formato e contido. Álbum ilustrado de 21x21 cm e tapas duras que inclúe no seu interior, como xa se pode entrever polo título e a imaxe da cuberta, unha historia que xira ao redor desta figura familiar. Mi bisabuela é o relato contado por un neno que non entende como a súa bisavoa algún día foi unha nena, porque é moi moi maior. En homenaxe á súa bisavoa e a todas as mulleres que o son, o protagonista vai narrando páxina a páxina como é esta muller tan entrañable e os intres que pasa con ela. As ilustracións compóñense de colaxes e imaxes con obxectos reais en cores intensas e coloridas, que nos transmiten tenrura e diversión, o que fai que nos mergullemos máis aínda na obra. O texto é sinxelo para o lectorado infantil e posúe unha gran carga emotiva.

Potencialidades educativas. Con esta obra traballaremos os lazos familiares, en concreto, as relacións que se poden establecer entre a bisavoa, portadora da experiencia, e o neno, que está comezando o seu camiño de vida. Esta historia invita a que as crianzas reparen na figura da bisavoa, a quen debe apreciar e valorar por todo o que lles pode achegar: tenrura, coñecemento, experiencia, transmisión de valores...

Etiquetas. Amanda Lemos, Susana Rico, familia, narrativa, bisavoa, álbum ilustrado, Estibel.

Autoría. Estibel (Estefanía López Tanoira, Tiffany Pintos Nieto e Belén Sanmartín Malheiro).


Cuentos para enseñar a tus hijos a entender el divorcio.


Jonhston, Janet R., Carla Garrity e Mitchel Baris, Cuentos para enseñar a tus hijos a entender el divorcio, ilust. Karen Breunig, Barcelona: Piadós, 144pp., 2002, (ISBN: 84-493-1310-4).


Breve descrición do formato e contido. Estamos ante unha obra escrita por psicólogos infantís, que integra quince textos narrativos para axudarlles ás máis pequenas e pequenos a entender e superar a separación dos seus proxenitores. Nun volume de tapas brandas, con abundante texto e moi poucas imaxes en branco e negro, os diferentes relatos recorren a elementos como son a imaxinación, a diversión e o xogo para axudarlles a comprender aos seus lectores estas situacións familiares que en ocasións derivan en conflitos e traumas, co propósito de achegarlles mecanismos para a súa asimilación e superación. De aí que as estruturas sintácticas e escollas léxicas se definan pola súa sinxeleza, ademais de seren apropiadas para a capacidade interpretativa do público infantil. Neste sentido tamén se recorre ás descricións, aos diálogos e ás onomatopeas, que se ven reforzadas por unha proposta ilustrativa que ilumina e enriquece certos aspectos dunhas narracións, nas que agroman outros valores que é importante facerlles chegar ás crianzas que se ven involucradas nunha separación familiar.

Potencialidades educativas. Consideramos que esta colectánea de relatos ten un gran potencial para que calquera mediador (docentes, pais, nais...) poidan traballar co lectorado máis novo situacións familiares de ruptura, sendo moi aconsellables para aqueles nenos e nenas que a estean experimentando en primeira persoa. Tamén é de grande axuda para que poidan identificar e afrontar con maior facilidade as súas emocións.

Recursos de interese.

Etiquetas. Janet R. Johnston, Carla Garrity, Mitchel Baris, Karen Breunig, familia, divorcio, narrativa, Estibel.

Autoría. Estibel (Estefanía López Tanoira, Tiffany Pintos Nieto e Belén Sanmartín Malheiro).