jueves, 5 de abril de 2018

Cuentos para enseñar a tus hijos a entender el divorcio.


Jonhston, Janet R., Carla Garrity e Mitchel Baris, Cuentos para enseñar a tus hijos a entender el divorcio, ilust. Karen Breunig, Barcelona: Piadós, 144pp., 2002, (ISBN: 84-493-1310-4).


Breve descrición do formato e contido. Estamos ante unha obra escrita por psicólogos infantís, que integra quince textos narrativos para axudarlles ás máis pequenas e pequenos a entender e superar a separación dos seus proxenitores. Nun volume de tapas brandas, con abundante texto e moi poucas imaxes en branco e negro, os diferentes relatos recorren a elementos como son a imaxinación, a diversión e o xogo para axudarlles a comprender aos seus lectores estas situacións familiares que en ocasións derivan en conflitos e traumas, co propósito de achegarlles mecanismos para a súa asimilación e superación. De aí que as estruturas sintácticas e escollas léxicas se definan pola súa sinxeleza, ademais de seren apropiadas para a capacidade interpretativa do público infantil. Neste sentido tamén se recorre ás descricións, aos diálogos e ás onomatopeas, que se ven reforzadas por unha proposta ilustrativa que ilumina e enriquece certos aspectos dunhas narracións, nas que agroman outros valores que é importante facerlles chegar ás crianzas que se ven involucradas nunha separación familiar.

Potencialidades educativas. Consideramos que esta colectánea de relatos ten un gran potencial para que calquera mediador (docentes, pais, nais...) poidan traballar co lectorado máis novo situacións familiares de ruptura, sendo moi aconsellables para aqueles nenos e nenas que a estean experimentando en primeira persoa. Tamén é de grande axuda para que poidan identificar e afrontar con maior facilidade as súas emocións.

Recursos de interese.

Etiquetas. Janet R. Johnston, Carla Garrity, Mitchel Baris, Karen Breunig, familia, divorcio, narrativa, Estibel.

Autoría. Estibel (Estefanía López Tanoira, Tiffany Pintos Nieto e Belén Sanmartín Malheiro).


No hay comentarios:

Publicar un comentario