Mostrando entradas con la etiqueta Carla Cabaleiro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Carla Cabaleiro. Mostrar todas las entradas

martes, 3 de abril de 2018

A historia do touro Ferdinando

A historia do touro Ferdinando



Leaf, Munro, A historia do touro Ferdinando, ilustr. Robert Lawson, trad. Xesús Fraga, Pontevedra: Kalandraka, col. “Tras os montes”, 2016, [72 pp.] (ISBN:9788484649823).



Breve descrición do formato e contido da obra. Este álbum de tapa dura mostra tanto na cuberta como na contracuberta unha imaxe dun touro rodeado de flores sobre un fondo vermello, dando unha idea aos lectores da peculiaridade desta historia. A través da alternancia entre texto e ilustracións, en branco e negro, sitúase este relato en terras españolas. Nun campo todos os xatos corrían e turraban uns contra outros, menos Ferdinando, que prefería ulir as flores tranquilamente sentado baixo unha árbore. O tempo transcorreu e o animal protagonista seguiu cos seus gustos mentres os demais seguían o día pelexando os uns contra os outros. Un día chegaron uns homes para elixir un touro para as corridas de Madrid, todos os touros empezaron a corricar, bufar, turrar… Ferdinando sabía que non o ían a escoller e dáballe igual, así que marchou a sentarse debaixo da súa sobreira favorita. Sen agardalo, foi o touro escollido, pero no día da corrida nada saiu como esperaba. Ferdinando era un touro diferente.

Potencialidades educativas. Con este libro pódese traballar a importancia de respectar e valorar que cada un é diferente, ademais de que a violencia non é a solución a ningún problema. Tamén é útil para pensar sobre se temas tradicionais como pode ser a tauromaquia, son realmente correctos e desta maneira potenciar a capacidade crítica dos/as nenos/as.

Recursos de interese.
Cortometraje Disney 1938
Película 2017
Representación do conto realizada polos nenos e nenas de 6º EI en Coristanco
https://www.youtube.com/watch?v=5c5KifYonQU

Etiquetas. Álbum, respeto, touros, violencia

Autoría. As escolmadoras (Melany Alonso Rodríguez, Sofía Bértolo Blanco, Carla Cabaleiro Santaclara)

lunes, 2 de abril de 2018

Allumette

Allumette



Ungerer, Tomi, Allumete, trad. Sandra e Óscar Senra Gómez, Pontevedra: Kalandraka Editora, [40 pp.], (ISBN: 9788484643463). 






Breve descrición do formato e contido da obra. Adaptación de Tomi Ungerer a partir do conto orixinal A vendedora de mistos, de H. C. Andersen. Na cuberta deste álbum de tapas duras xa se reflicten os elementos centrais desta historia ilustrada cun estilo pictórico expresivo a dobre páxina e con distintos recursos gráficos, achegando detalles que completan a narración. As súas dimensións son de 20 x 28 cm e as súas corenta páxinas son de papel de boa calidade, con certificado FSC Mixto, o que garante a súa procedencia dos bosques xestionados de maneira sostible. A trama xira ao redor dunha nena chamada Allumete quen non ten familia nin fogar e vaga polas rúas intentando vender mistos no medio do desprezo das persoas. Un día de inverno, a nena derrumbouse no chan famenta, sen refuxio e sen apenas forzas, pedindo o desexo de vivir un pouco máis para saborear algún día os pequenos praceres dos que foi privada ao longo da súa vida. Nese momento caeu un raio e comezou unha tormenta, da que se desprendía todo aquilo que algún día desexou, ao mesmo tempo que é castigado todo aquel que a maltratara. Eran tantas as cousas recibidas que, en lugar de quedar con elas, comezou a regalarllas aos máis necesitados, coa axuda das persoas arrepentidas do trato que un día mostraron cara a ela e cara ao mundo. Deste xeito comezaron a aparecer voluntarios que axudaban a nena na súa misión e a xente facía múltiples e constantes doazóns. Finalmente Allumete creou a Fundación Luz del Mundo. Esta obra foi merecente do Premio Hans Christian Andersen de 1998 e foi Libro Destacado polo Ministerio de Educación de Francia.

Potencialidades educativas. Neste conto faise unha profunda crítica á sociedade co retrato da agresividade, a avaricia, o elitismo, a supremacía de poder e os excesos do materialismo. Tamén se destacan en positivo a xustiza, a xenerosidade e a solidariedade. Con isto, os nenos e nenas poderán valorar o que teñen, respectar a diversidade e entender a importancia de axudar e colaborar uns con outros. A diferenza do clásico A vendedora de mistos, este conto infunde esperanza no futuro da humanidade.
Recursos de interese.
Explicación do libro a través de vídeo explicativo en inglés.
Corto sobre o conto adaptado para ver con gafas de realidade virtual
https://www.youtube.com/watch?v=j7QnhncSzPA

Etiquetas.
álbum ilustrado, colaboración, cooperación, crítica social, discriminación, diversidade, pobreza, solidaridade, xustiza, xenerosidade.
Autoría.
As escolmadoras (Melany Alonso, Sofía Bértolo, Carla Cabaleiro)

Nariz de ouro


Nariz de ouro
Saiz, Raquel, Nariz de Ouro, ilust. Juliana Bollini, trad. Marisa Núñez, Pontevedra: OQO Editorial, col. “O”, 2010, [40 pp.] (ISBN: 978-84-9871-228-5).

Breve descrición do formato e contido da obra. As imaxes das tapas externas deste álbum, a cor amarela das gardas e o propio título evidencian os puntos centrais, ao redor dos cales vai xirar esta nova entrega de OQO a prol da diferenza. Eduardo ten o nariz máis grande que o resto dos nenos, polo que é motivo de burla e mofa constante. Malia que non lle gusta que o chamen Edu, nin Eduardiño e lle amola que se metan co seu nariz, non consegue deixar de ser Eduardiño o narigudo. Un día soña con que ía nun barco e este se foi a pique, aínda que co seu nariz logrou salvar os pasaxeiros dun naufraxio seguro. Nesta vivencia onírica entréganlle unha medalla e fanlle unha estatua, ademais de ver como todo o mundo quería un nariz como o seu. Ao espertar, mirouse non espello e pensou: “pois a min gústame”. Así toma a decisión de que non quere ser o cisne do conto de O patiño feo que súa nai lle relataba e contesta “mamá, a min gústame ser un pato”. As ilustracións desta historia cargada de hipérboles ocupan as dúas páxinas e apréciase un cambio de cores: ao principio son máis escuras e ao final, coa mellora da situación, son máis claras. Sobresae o relevo desta proposta ilustrativa a través do emprego da técnica mixta e de texturas variadas.



Potencialidades educativas. Este conto pode ser moi útil para traballar a autoestima dos nenos e nenas de educación infantil, así como para evidenciar as condutas reprobables daqueles que se burlan dos demais por cuestións da fisionomía. Aproveitando a referencia intertextual ao conto de H. C. Andersen, O patiño feo, poderíase comezar coa súa lectura e logo seguir coa historia de Eduardo para remarcar que non é preciso converterse nun cisne para ser feliz e estar contento cun mesmo. Tamén é importante incidir na importancia dos soños para superar situacións de difícil solución.
Recursos de interese.

Blog cun breve resumo da obra
Blog no que se exemplifica unha posible actividade a partir do nariz de Ricardiño

Etiquetas.
Álbum ilustrado, aceptación, diferenzas, autoestima.
Autoría
As escolmadoras (Melany Alonso, Sofía Bértolo, Carla Cabaleiro).



Seis barbudos

Seis barbudos
Pavón, Mar, Seis barbudos, ilustr. Vitali Konstantinov, Pontevedra: OQO Editora, 2012, [40 pp.], (ISBN: 978-84-9871-422-7).



Breve descrición do formato e contido da obra. Obra escrita pola autora Mar Pavón e ilustrada por Vitali Konstantinov. Na cuberta deste álbum ilustrado móstrase unha imaxe de seis personaxes aparentemente tenebrosos, o que xa nos permite facer hipóteses sobre a historia que nos agarda. Unhas cubertas en cartoné, de 25 x 23 cm, sosteñen esta lectura para un lectorado de entre 3 a 7 anos, que aparece acompañada por unhas ilustracións escuras de carácter sinistro. Non obstante, co transcurso dos feitos, as cores e as imaxes alegres comezan a xurdir, neste conto protagonizado por seis barbudos grandes e aterradores. Estes temidos seres visitan unha panadería, unha carnicería, unha xoguetería, unha tenda de disfraces, unha librería e unha pastelería, nos que causan pánico entre a xente. Todos desconfían do seu aspecto, pois pensan que nada bo se pode agardar de tan estraños personaxes, aínda que o que o único que procuran é todo aquilo que precisan para facerlle unha festa de aniversario ao seu amigo. É esta unha proposta narrativa de tons divertidos, na que o ilustrador recrea os enxeñosos medios de transporte inventados por Mar Pavón como o “bicipétalo”, a “trompliconeta” ou o “motocíclope”.
Potencialidades educativas. Neste conto trátanse aspectos que poden ser de interese para revisar nas aulas de infantil: os diferentes oficios e cuestións matemáticas como é a resta. Así mesmo, tamén favorece a reflexión sobre o feito de que as cousas non son sempre como parecen e que non hai nunca que prexulgar a alguén pola súa aparencia física. Recóllese, pois, unha crítica á sociedade para logo destacar o poder dos valores do respecto á diversidade, á amizade e ás relacións sociais.

Recursos de interese.
Videoconto realizado polo CEIP Coiron Dena.

Representación do conto polo alumnado de 6º EPf CEIP Plurilingüe Curros Enríquez Celanova
https://www.youtube.com/watch?v=PAr7yvy4MNc

Etiquetas.
álbum ilustrado, crítica social, diversidade, prexuízos, relacións sociais, medo.
Autoría. 
As escolmadoras (Melany Alonso, Carla Cabaleiro, Sofía Bértolo).