lunes, 2 de abril de 2018

Seis barbudos

Seis barbudos
Pavón, Mar, Seis barbudos, ilustr. Vitali Konstantinov, Pontevedra: OQO Editora, 2012, [40 pp.], (ISBN: 978-84-9871-422-7).



Breve descrición do formato e contido da obra. Obra escrita pola autora Mar Pavón e ilustrada por Vitali Konstantinov. Na cuberta deste álbum ilustrado móstrase unha imaxe de seis personaxes aparentemente tenebrosos, o que xa nos permite facer hipóteses sobre a historia que nos agarda. Unhas cubertas en cartoné, de 25 x 23 cm, sosteñen esta lectura para un lectorado de entre 3 a 7 anos, que aparece acompañada por unhas ilustracións escuras de carácter sinistro. Non obstante, co transcurso dos feitos, as cores e as imaxes alegres comezan a xurdir, neste conto protagonizado por seis barbudos grandes e aterradores. Estes temidos seres visitan unha panadería, unha carnicería, unha xoguetería, unha tenda de disfraces, unha librería e unha pastelería, nos que causan pánico entre a xente. Todos desconfían do seu aspecto, pois pensan que nada bo se pode agardar de tan estraños personaxes, aínda que o que o único que procuran é todo aquilo que precisan para facerlle unha festa de aniversario ao seu amigo. É esta unha proposta narrativa de tons divertidos, na que o ilustrador recrea os enxeñosos medios de transporte inventados por Mar Pavón como o “bicipétalo”, a “trompliconeta” ou o “motocíclope”.
Potencialidades educativas. Neste conto trátanse aspectos que poden ser de interese para revisar nas aulas de infantil: os diferentes oficios e cuestións matemáticas como é a resta. Así mesmo, tamén favorece a reflexión sobre o feito de que as cousas non son sempre como parecen e que non hai nunca que prexulgar a alguén pola súa aparencia física. Recóllese, pois, unha crítica á sociedade para logo destacar o poder dos valores do respecto á diversidade, á amizade e ás relacións sociais.

Recursos de interese.
Videoconto realizado polo CEIP Coiron Dena.

Representación do conto polo alumnado de 6º EPf CEIP Plurilingüe Curros Enríquez Celanova
https://www.youtube.com/watch?v=PAr7yvy4MNc

Etiquetas.
álbum ilustrado, crítica social, diversidade, prexuízos, relacións sociais, medo.
Autoría. 
As escolmadoras (Melany Alonso, Carla Cabaleiro, Sofía Bértolo).

No hay comentarios:

Publicar un comentario