Mostrando entradas con la etiqueta Albo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Albo. Mostrar todas las entradas

lunes, 16 de abril de 2018

A sopa queima


Albo, Pablo, A sopa Queima, ilust. André Letria, trad. Antón Fortes, Pontevedra: OQO editora, 2009, [36 pp.] (ISBN: 978-84-9871-161-5).

Breve descrición do formato e o contido. A través das imaxes deste álbum cadrado de tapas duras, os lectores comprenden cal é a temática da historia. A modo de avance, na cuberta xa aparece a protagonista, María, cunha expresión de dor ante un fumegante prato de sopa; e nas gardas, unha señora que está preparando este prato. Na contracuberta está María, pero agora feliz, polo que se sobreentende que a historia remata ben. En canto ao texto, a súa homoxeneidade gráfica vese alterada polo cambio do tamaño da letra e da súa intensidade, co propósito de resaltar certos treitos e captar a atención dos lectores. Ao final da historia aparecen os diferentes alimentos, ingredientes e pasos a seguir se queremos cociñar unha sopa.
Este álbum introdúcenos na historia mostrándonos un edificio do que sae fume, polo que podemos entender que algo está “ardendo”. Logo aparece María, unha nena con cabelo rizado que se dispón a comer a súa sopa. A nai non para de dicirlle: “María, come a sopa”; ao que ela responde: “A sopa queima, mamá”; e súa nai replica: “Pois sopra filla sopra”. Por máis que María sopra, a sopa segue tan quente que se queima. Entran na historia diferentes animais que pasan por alí e que María chama (rinoceronte, morcego...) e, malia sopraren con intensidade, a sopa segue queimando e María grita Aaaaaaah! De súpeto aparece unha formiga e, aínda que ninguén pensa que un animaliño tan pequeno pode axudala, esta asubía e aparecen 370.000 formigas. Entre todas sopran e sopran e… cando paran, a sopa deixa de botar fume. María próbaa e xa non queima. E toda contenta segue probando, probando, probando ata que remata a sopa.

Potencialidades educativas. A través desta obra podemos aprender que non debemos subestimar a axuda de calquera persoa, xa que ás veces quen menos pensamos é quen nos pode axudar. Ademais tamén lles permite coñecer aos máis pequenos e pequenas como facer unha sopa, grazas aos pasos e alimentos recollidos nas páxinas finais do álbum. É unha obra que aconsellamos para abordar na aula aspectos relacionados coa alimentación e que incluso é apta para a súa representación escénica, xa que permite que nela participen moitos nenos e nenas, aos que lles hai que inculcar dun xeito lúdico a importancia da colaboración entre todos para acadar as metas establecidas.


Recursos de interese.
Etiquetas. Alimentación, cooperación, axuda, álbum.
Autoría. Pulgariñas (Tatiana Vieitez Losada, Alicia Vidal Peneireiro, Cecilia Solla Vázquez e Ana Salgado Pazos).


sábado, 14 de abril de 2018

A merenda do parque.


Albo, Pablo, A merenda do parque, ilust. Cecilia Moreno, trad. Laura Sousa, Madrid: Narval, 2017, [44 pp.], (ISBN: 978-84-947756-1-1).



Breve descrición do formato e contido. Neste texto narrativo que se presenta nun álbum de tapas duras sobresae a súa proposta ilustrativa, xa que nos recordan os videoxogos de cando eramos pequenos. A ilustradora xoga coas liñas puras, as formas xeométricas e as cores, para recrear un universo con infinidade de personaxes. Ten un texto moi sinxelo, onde o narrador describe o que vai pasando con moitos adxectivos. O comezo da historia fainos pensar que o noso protagonista Alberto vai merendar ao parque. Non obstante, a pesares de que o parque está tranquilo, cando o protagonista abre a mochila unha morea de personaxes van aparecendo atraídos polo olor dos alimentos. A medida que avanza a historia vemos que fai o noso protagonista: se tomará a merenda só ou a compartirá cos personaxes que irán aparecendo.

Potencialidades educativas. Este conto permítenos traballar cos rapaces e rapazas a importancia da alimentación, ao aludir a como merendamos e onde. Así mesmo, posibilita a realización de traballos ilustrativos relacionados co espazo do parque seguindo a mesma proposta de formas xeométricas deste álbum. A partires dos mapas que nos ofrece a ilustradora nas gardas, tamén se pode debuxar o mapa do noso barrio, cidade ou pobo, traballando os distintos lugares polos que está formado. O texto recolle moitos adxectivos que nos convidan a introducirnos nas descricións dos lugares e dos personaxes.

Etiquetas. Álbum ilustrado, alimentación, amizade, parque, narrativa.

Autoría. Pulgariñas (Ana Salgado Pazos, Alicia Vidal Peneireiro, Cecilia Solla Vázquez e Tatiana Viéitez Losada).