Mostrando entradas con la etiqueta axuda. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta axuda. Mostrar todas las entradas

martes, 24 de abril de 2018

EDU, el pequeño lobo

Solotareff, Grégoire, EDU, el pequeño lobo, Barcelona: Editorial Corimbo, 2010, [32 pp.], (ISBN: 978-84-8470-160-6).

Breve descrición do formato e contido. Este álbum ilustrado nun formato de 310x220 cm preséntanos a Edu, un pequeno lobo que queda só pola perda do seu tío un día que saíron de caza. Non obstante atopouse cun novo amigo, un coello chamado Tom, que o axuda a enterrar o tío e lle ensina cousas descoñecidas. Un día esta amizade viuse truncada cando Edu asustou a Tom. Conseguirán os amigos unirse de novo? A voz dun narrador en terceira persoa e as intervencións dos diferentes personaxes danlle corpo a esta historia que se caracteriza pola sinxeleza das súas estruturas sintácticas e escollas léxicas. As ilustracións figurativas xogan coas cores primarias, as cales serven para chamar a atención dos máis cativos e cativas, ademais de estaren remarcadas por un trazo negro e groso que acentúa os seus contornos e tiraren proveito dos efectos das sombras.


Potencialidades educativas. Este álbum sérvenos para traballar co lectorado máis novo a perda dun familiar e o sentimento de soidade, sendo os amigos un salvavidas e un grande apoio nesta situación, xa que nos prestan a súa axuda nos momentos máis difíciles. No caso desta historia, o coello axúdalle ao protagonista a enterrar o tío, ponlle o nome de Edu (pois non o tiña), ensínalle a ler e a pescar, etc. A modo de gratificación, Edu tamén lle ensinou cousas a Tom, como correr moi rápido. Trátase, xa que logo, dunha metáfora coa que se quere manifestar a necesidade que uns temos dos outros.


Recursos de interese.
Vídeo-libro:
https://www.youtube.com/watch?v=EXutnF2HLv8


Autoría. Grupo Baleiras (Irina Svetlana Bello González, Alessandra Bispo Portas, Judit Cerviño Malvido e Xiomara Laranxeiro Casás).

O coelliño branco


Ballesteros, Xosé, O coelliño branco, ilust. Óscar Villán, Pontevedra: Kalandraka, 2006, [32 pp.], (ISBN: 978-84-8464-548-1).

Breve descrición do formato e contido. Este álbum ilustrado, de tapas duras e de tamaño 22 x 22 cm, preséntanos na cuberta o protagonista, un coello branco, nun fondo completamente rosa que se prolonga durante toda a obra. Este conto é unha adaptación dun conto popular portugués e conta con varios premios. Entre eles desataca o Premio Nacional de Ilustración 1999. 
A súa historia xira ao redor dun coelliño branco que sae a buscar coles á horta para facer un caldo, pero cando regresa atópase que a cabra cabrexa se mete dentro da súa casa. Así o coelliño busca axuda de diferentes animais para recuperar o seu fogar. Finalmente alguén o axuda a recuperar e comen o caldiño xuntos. Trátase dun texto marcado por unha sonoridade e unha rima que veñen dadas pola repetición de feitos e esquemas sintácticos, nos que se insire toda unha serie de xogos léxicos cargados de humor. As ilustracións coloridas tamén xogan coas formas e as expresións dos animais protagonistas, o que acentúa aínda máis o aspecto lúdico e gracioso dun dos álbums máis coñecidos da literatura infantil galega.

Potencialidades educativas. Esta obra permite levar á aula a aprendizaxe de varios valores como son a valentía ao enfrontarse aos medos e a importancia da axuda e a amizade, que se reflicten a partir da relación establecida entre o protagonista e quen lle axuda a recuperar o seu fogar. Podemos traballar con este álbum ilustrado dende os tres anos de idade.

Recursos de interese.

Vídeoconto realizado por alumnos e alumnas de 5 anos do Colexio das Gándaras de Lugo:

Actividades:

Etiquetas. Cooperación, valentía, amizade, medo, xenerosidade, axuda.

Autoría. Xoubiñas (Nuria María Serodio Pérez, Sara Vázquez Montes e Cristina Vidal García)

lunes, 16 de abril de 2018

A sopa queima


Albo, Pablo, A sopa Queima, ilust. André Letria, trad. Antón Fortes, Pontevedra: OQO editora, 2009, [36 pp.] (ISBN: 978-84-9871-161-5).

Breve descrición do formato e o contido. A través das imaxes deste álbum cadrado de tapas duras, os lectores comprenden cal é a temática da historia. A modo de avance, na cuberta xa aparece a protagonista, María, cunha expresión de dor ante un fumegante prato de sopa; e nas gardas, unha señora que está preparando este prato. Na contracuberta está María, pero agora feliz, polo que se sobreentende que a historia remata ben. En canto ao texto, a súa homoxeneidade gráfica vese alterada polo cambio do tamaño da letra e da súa intensidade, co propósito de resaltar certos treitos e captar a atención dos lectores. Ao final da historia aparecen os diferentes alimentos, ingredientes e pasos a seguir se queremos cociñar unha sopa.
Este álbum introdúcenos na historia mostrándonos un edificio do que sae fume, polo que podemos entender que algo está “ardendo”. Logo aparece María, unha nena con cabelo rizado que se dispón a comer a súa sopa. A nai non para de dicirlle: “María, come a sopa”; ao que ela responde: “A sopa queima, mamá”; e súa nai replica: “Pois sopra filla sopra”. Por máis que María sopra, a sopa segue tan quente que se queima. Entran na historia diferentes animais que pasan por alí e que María chama (rinoceronte, morcego...) e, malia sopraren con intensidade, a sopa segue queimando e María grita Aaaaaaah! De súpeto aparece unha formiga e, aínda que ninguén pensa que un animaliño tan pequeno pode axudala, esta asubía e aparecen 370.000 formigas. Entre todas sopran e sopran e… cando paran, a sopa deixa de botar fume. María próbaa e xa non queima. E toda contenta segue probando, probando, probando ata que remata a sopa.

Potencialidades educativas. A través desta obra podemos aprender que non debemos subestimar a axuda de calquera persoa, xa que ás veces quen menos pensamos é quen nos pode axudar. Ademais tamén lles permite coñecer aos máis pequenos e pequenas como facer unha sopa, grazas aos pasos e alimentos recollidos nas páxinas finais do álbum. É unha obra que aconsellamos para abordar na aula aspectos relacionados coa alimentación e que incluso é apta para a súa representación escénica, xa que permite que nela participen moitos nenos e nenas, aos que lles hai que inculcar dun xeito lúdico a importancia da colaboración entre todos para acadar as metas establecidas.


Recursos de interese.
Etiquetas. Alimentación, cooperación, axuda, álbum.
Autoría. Pulgariñas (Tatiana Vieitez Losada, Alicia Vidal Peneireiro, Cecilia Solla Vázquez e Ana Salgado Pazos).


sábado, 14 de abril de 2018

Venres

Freire Cordeiro, Santiago, Venres, ilustr. Daniel Iglesias Padrón, Cangas do Morrazo: Sushi Books, 2013, [40 pp.], (ISBN: 978-84-15920-03-8).






Breve descrición do formato e do contido. Neste volume nárrase a historia dunha amizade entre dous homes que fan todo o posible por salvagardar a súa vida. Trátase dunha historia que nos recorda ao Robinson Crusoe, aínda que neste álbum ilustrado se produce unha subversión, xa que o protagonismo central é asumido por un indíxena que descobre un náufrago branco na súa illa. Mentres un se protexe de que non o capturen os membros da súa tribo, o outro aprende a sobrevivir nun novo espazo descoñecido para el. Este relato de aventuras narrado polo personaxe secundario segue unha estrutura lineal e no remate recolle unha cita final, na que, por medio dunha grafía de maior dimensión, se resalta o verdadeiro vínculo de amizade que crearon os dous personaxes da trama, onde un deles renega de ser rescatado da illa e prefire quedar co seu novo amigo antes de volver estar só e triste na cidade.


O membro da tribo aparece caracterizado como un home robusto e grande, ademais de ter a pel negra. Como un oposto, preséntase o home do naufraxio que é deseñado como un ser pequeno e fraco, con moita barba e o rostro branco. Este personaxe sofre unha transformación cando aprende a sobrevivir na illa, polo que se converte nun home robusto e de grandes dimensións. Emprégase a técnica da montaxe dixital mediante texturas que evocan o espazo da historia (terra, rochas...), que se acentúa co emprego de cores de tons escuros. Resáltanse as expresións faciais dos personaxes ou os seus trazos máis definitorios, como os beizos ou os ollos. Na portada pódense apreciar os dous personaxes contrapostos e todas as diferenzas citadas anteriormente.




Potencialidades educativas. É unha obra de aventuras moi interesante coa que se trata o tema das illas desertas, así como se exemplifica a supervivencia mediante a realización de actividades básicas (facer queixo, pescar, recoller cocos etc.). Todas estas actividades poden plasmar na aula en forma de xogos, cos que os nenos poidan aprender algo sobre elas. Aparecen temas moi interesantes para Educación Infantil como son a mitoloxía e a cultura. Ademais permite tratar os temas da amizade, a soidade e a cooperación, xa que se plasman durante toda a obra.

Recursos de interese.

Para relacionar Venres co clásico de Defoe, presentamos o conto infantil de Robinson Crusoe - Blog Vivir Diario:






Autoría. Cabaciñas (Tania García Pereira, Noelia Gontad Saavedra, Janira Gil Lago, Emma Juncal Paredes e Laura Domínguez Álvarez).