Freire Cordeiro, Santiago, Venres, ilustr. Daniel Iglesias Padrón, Cangas do Morrazo: Sushi Books, 2013, [40 pp.], (ISBN: 978-84-15920-03-8).
Breve descrición do formato e do contido. Neste volume nárrase a historia dunha amizade entre dous homes que fan todo o posible por salvagardar a súa vida. Trátase dunha historia que nos recorda ao Robinson Crusoe, aínda que neste álbum ilustrado se produce unha subversión, xa que o protagonismo central é asumido por un indíxena que descobre un náufrago branco na súa illa. Mentres un se protexe de que non o capturen os membros da súa tribo, o outro aprende a sobrevivir nun novo espazo descoñecido para el. Este relato de aventuras narrado polo personaxe secundario segue unha estrutura lineal e no remate recolle unha cita final, na que, por medio dunha grafía de maior dimensión, se resalta o verdadeiro vínculo de amizade que crearon os dous personaxes da trama, onde un deles renega de ser rescatado da illa e prefire quedar co seu novo amigo antes de volver estar só e triste na cidade.
O membro da tribo aparece caracterizado como un home robusto e grande, ademais de ter a pel negra. Como un oposto, preséntase o home do naufraxio que é deseñado como un ser pequeno e fraco, con moita barba e o rostro branco. Este personaxe sofre unha transformación cando aprende a sobrevivir na illa, polo que se converte nun home robusto e de grandes dimensións. Emprégase a técnica da montaxe dixital mediante texturas que evocan o espazo da historia (terra, rochas...), que se acentúa co emprego de cores de tons escuros. Resáltanse as expresións faciais dos personaxes ou os seus trazos máis definitorios, como os beizos ou os ollos. Na portada pódense apreciar os dous personaxes contrapostos e todas as diferenzas citadas anteriormente.
Potencialidades educativas. É unha obra de aventuras moi interesante coa que se trata o tema das illas desertas, así como se exemplifica a supervivencia mediante a realización de actividades básicas (facer queixo, pescar, recoller cocos etc.). Todas estas actividades poden plasmar na aula en forma de xogos, cos que os nenos poidan aprender algo sobre elas. Aparecen temas moi interesantes para Educación Infantil como son a mitoloxía e a cultura. Ademais permite tratar os temas da amizade, a soidade e a cooperación, xa que se plasman durante toda a obra.
Recursos de interese.
Para relacionar Venres co clásico de Defoe, presentamos o conto infantil de Robinson Crusoe - Blog Vivir Diario:
Autoría. Cabaciñas (Tania García Pereira, Noelia Gontad Saavedra, Janira Gil Lago, Emma Juncal Paredes e Laura Domínguez Álvarez).
No hay comentarios:
Publicar un comentario