Gurrutxaga, Mikel, O meu amigo Álex, ilustr. Maite Gurrutxaga, Pontevedra: Faktoria K de libros, 2010, [ 32 pp.], (ISBN: 978-84-96957-93-0).
Breve descrición do formato e do contido. Neste álbum ilustrado cóntase a historia de Isabel, unha rapaza que vive no campo. A súa vida está chea de soidade ata que coñece un monstro sen fala, Álex. O monstro acompaña a súa amiga no seu día a día, tamén cando ten que mudarse á cidade. Xuntos enfrontan todos os retos que supón esta nova vida. Isabel coñece novos amigos e amigas, pero a medida que a amizade con estes vai crecendo, o monstro Álex vai desaparecendo. A nena sofre esta perda, pero está moi contenta grazas ás súas novas amizades. Álex era un verdadeiro amigo, pero xurdido da imaxinación de Isabel durante a súa solitaria vida no campo.
Esta historia está narrada cunha linguaxe poética e musical. O vocabulario empregado é sinxelo e accesible, o que facilita a comprensión para todos os lectores. O texto está acompañado de ilustracións moi realistas con personaxes visuais e próximas. Unha das principais, o monstro Álex, transmite bondade e dozura a través de formas redondeadas con trazos e cores suaves. Podemos ver tamén estas características das ilustracións na representación da nena Isabel, cunhas meixelas coloradas que denotan tenrura. A imaxe da cuberta é ben diferente das que atopamos no interior deste álbum. En contraposición a elas, na cuberta aparece o monstro Álex representado cun trazo único e sinxelo de cor azul sen recheo ningún, que semella un debuxo sobre o papel.
Potencialidades educativas. Este álbum ilustrado, recomendado para nenos e nenas a partir de seis anos, permítenos traballar numerosos temas. Entre as súas temáticas atopamos a amizade, a través dunha nena chamada Isabel e o seu amigo, un monstro mudo chamado Álex creado pola súa imaxinación. Nesta obra tamén se abarcan os cambios, a protagonista da historia ten que mudarse a unha nova cidade, con todo o que isto comporta, como adaptarse, integrarse e facer novas amizades. Outro dos temas que se tocan en O meu amigo Álex é o da soidade: Isabel vive no campo e séntese soa, polo que da súa imaxinación xorde un amigo que lle fai compañía, xoga con ela e a acompaña ata que xa non se sente soa ao facer un novo círculo de amizades.
Autoría. Cabaciñas (Laura Domínguez Álvarez, Tania García Pereira, Janira Gil Lago, Noelia Gontad Saavedra e Emma Juncal Paredes).
No hay comentarios:
Publicar un comentario