sábado, 14 de abril de 2018

Álex e o rato de corda




González, Xosé Manuel, Álex e o rato de corda, ilustr. Leo Lionni, Pontevedra: Kalandraka, 2017, [40 pp.], (ISBN: 978-84-8464-310-4).





Breve descrición do formato e do contido. Este álbum conta a historia de dous ratiños, un de verdade (Álex) e outro de corda (Guille). Os dous viven na mesma casa, mais Guille está coa familia do fogar, mentres Álex ten que esconderse todo o día para poder sobrevivir. Isto fai que sempre estea triste e con envexa do ratiño de corda. Un día coñécense e Álex descobre que Guille é de xoguete e que ese é o motivo de tratalos de distinta maneira. A partir deste día, comeza unha fermosa amizade, aínda que o rato de carne e óso segue triste por non poder ser coma Guille. Co paso do tempo, Álex descobre que hai un lagarto que cumpre desexos, polo que vai onda el para pedir convertese en xoguete, pero, antes de pedir o desexo, coñece que o pequeno rato de xoguete vai ser tirado ao lixo, polo que cando chega onda o lagarto pide que Guille se transforma nun rato de carne e óso coma el.


Na imaxe exterior pódense ver os dous ratiños e xa se aprecia que as ilustracións son colaxes, algo moi habitual de Leo Lionni. Ao facer uso desta técnica, aos nenos e nenas pódelles resultar curioso e diferente, xa que non é algo habitual. Ademais fai recordar as colaxes que fan eles con recortes na aula, na casa… Aínda que as imaxes son simples, son rechamantes, xa que os recortes teñen uns estampados moi coloridos e transmiten sensación de tenrura. Cabe destacar, por último, que esta obra está premiada coa Medalla de Honra Caldecott e que, aínda que fose escrita hai case 50 anos, segue ofrecendo temas actuais e moi importantes á hora de traballar con alumnado de Educación Infantil.


Potencialidades educativas. Este conto, recomendado para nenos e nenas a partir de catro anos, é unha moi boa opción para traballar, principalmente, temas como a amizade e a xenerosidade. A amizade móstrase ao longo de todo o transcurso da historia e a xenerosidade aparece sobre todo no momento no que o rato cambia o seu desexo para que o ratiño de corda poida ser feliz e así manteñan a súa amizade. Tamén posibilita tratar e traballar temas como a diversidade, os animais etc., alén de destacar a importancia de ser un mesmo e de aceptarnos tal e como somos nós e os demais.


Recursos de interese.



Autoría. Cabaciñas (Tania García Pereira, Noelia Gontad Saavedra, Janira Gil Lago, Emma Juncal Paredes e Laura Domínguez Álvarez).

No hay comentarios:

Publicar un comentario