sábado, 14 de abril de 2018

A merenda do parque.


Albo, Pablo, A merenda do parque, ilust. Cecilia Moreno, trad. Laura Sousa, Madrid: Narval, 2017, [44 pp.], (ISBN: 978-84-947756-1-1).



Breve descrición do formato e contido. Neste texto narrativo que se presenta nun álbum de tapas duras sobresae a súa proposta ilustrativa, xa que nos recordan os videoxogos de cando eramos pequenos. A ilustradora xoga coas liñas puras, as formas xeométricas e as cores, para recrear un universo con infinidade de personaxes. Ten un texto moi sinxelo, onde o narrador describe o que vai pasando con moitos adxectivos. O comezo da historia fainos pensar que o noso protagonista Alberto vai merendar ao parque. Non obstante, a pesares de que o parque está tranquilo, cando o protagonista abre a mochila unha morea de personaxes van aparecendo atraídos polo olor dos alimentos. A medida que avanza a historia vemos que fai o noso protagonista: se tomará a merenda só ou a compartirá cos personaxes que irán aparecendo.

Potencialidades educativas. Este conto permítenos traballar cos rapaces e rapazas a importancia da alimentación, ao aludir a como merendamos e onde. Así mesmo, posibilita a realización de traballos ilustrativos relacionados co espazo do parque seguindo a mesma proposta de formas xeométricas deste álbum. A partires dos mapas que nos ofrece a ilustradora nas gardas, tamén se pode debuxar o mapa do noso barrio, cidade ou pobo, traballando os distintos lugares polos que está formado. O texto recolle moitos adxectivos que nos convidan a introducirnos nas descricións dos lugares e dos personaxes.

Etiquetas. Álbum ilustrado, alimentación, amizade, parque, narrativa.

Autoría. Pulgariñas (Ana Salgado Pazos, Alicia Vidal Peneireiro, Cecilia Solla Vázquez e Tatiana Viéitez Losada).



No hay comentarios:

Publicar un comentario