sábado, 14 de abril de 2018

A cociñeira do rei

Felloza, Soledad, A cociñeira do rei, ilust. Sandra de la Prada, trad. Eva Mejuto, Pontevedra: OQO editora, col. O, 2014, [32 pp.], (ISBN: 978-84-9871-501-9).

Breve descrición do formato e do contido. Álbum ilustrado de 25,5x24 cm que foi Premio Europeo de Narración Oral “Cociña de contos”. A cuberta, lombo e contracuberta presentan o fondo de cor branca, proporcionando moita limpeza visual. No centro da cuberta hai unha gran cazola na que está escrito en maiúsculas o título do álbum; detrás dela hai unha moza roiba, ruborizada e cun vestido rosa que está a levantar a tapa da ola -na que están escritos os nomes da autora e da ilustradora-, de maneira que sae o cheiro de dentro; poderíamos intuír que a moza é a cociñeira do rei mencionada no título. Polas esquinas hai follas verdes e flores rosas e amarelas que dan vitalidade, acompañadas de debuxos como cogomelos, patacas, mazás e cebolas. No centro da contracuberta hai unha ilustración de dous gatos que están a ler un libro que ten a imaxe dunha señora -a avoa da moza protagonista- e que se podería intuír que é un libro de cociña. Nas gardas hai unha imaxe a dobre páxina co fondo azul e na que se ve a parte superior de cinco gorros brancos de cociña semellando nubes esponxosas polas que a moza da portada está a saltar, mais agora leva un mandil branco de cociña. A portada tamén está a dobre páxina e nela vese unha imaxe totalmente diferente á anterior: na páxina da esquerda aparece parte da fachada dunha casa coa fiestra aberta, podendo entender que por ela saíron os dous gatos xa mencionados, xa que na páxina da dereita están a correr mentres suxeitan un gran peixe.

As páxinas están cheas de ilustracións nas que chama a atención a gran presenza de elementos da natureza, de animais e de alimentos. Pódese apreciar unha variedade de cores que dan dinamismo á historia e uns debuxos moi arredondados, amosando caras moi tenras e doces; o trazo no que están coloreados recorda ás ceras, o que tamén da tenrura. Esta proposta ilustrativa desenvólvese ao pé dunha historia contada por varias voces, unha delas é a do narrador -heterodiexético- que está representada no texto con normalidade, mentres que as intervencións dos personaxes, a noticia dada polo rei e as cancións da protagonista -cantaruxa cando se pon a cociñar- aparecen coa letra en negra. A historia arrinca co problema que tiña o rei: unha pena tan grande que non o deixaba pensar. Para solucionalo, unha comisión de sabios recomendoulle unha boa alimentación, polo que lle fixo saber ao pobo que estaba a buscar un cociñeiro. Todos os cociñeiros comezaron a preparar receitas moi elaboradas con ingredientes exóticos, mentres Mencía -unha moza do lugar- decidiu presentar unha receita da súa avoa cun ingrediente especial e loitar polo posto, aínda que non se pedía unha muller cociñeira. 


Potencialidades educativas. A partir da lectura desta obra na aula, poderanse traballar valores como a perseveranza e a loita polos soños. Tamén se poden tratar temas como a distribución dos traballos (facendo fincapé nos estereotipos de xénero asociados ás profesións) e as receitas de cociña falando de alimentos, cantidades e procedementos.

Etiquetas. Xénero, estereotipos, loita dereitos, profesións, receitas, cociña. 


Autoría. Rosalía (Mar Barros Couto, Sara Garrido Fernández, Sara González Guede, Haizea Lemos Alonso).

No hay comentarios:

Publicar un comentario