Nariz de ouro
Saiz, Raquel, Nariz de Ouro, ilust. Juliana Bollini, trad. Marisa Núñez, Pontevedra: OQO Editorial, col. “O”, 2010, [40 pp.] (ISBN: 978-84-9871-228-5).
Breve descrición do formato e contido da obra. As imaxes das tapas externas deste álbum, a cor amarela das gardas e o propio título evidencian os puntos centrais, ao redor dos cales vai xirar esta nova entrega de OQO a prol da diferenza. Eduardo ten o nariz máis grande que o resto dos nenos, polo que é motivo de burla e mofa constante. Malia que non lle gusta que o chamen Edu, nin Eduardiño e lle amola que se metan co seu nariz, non consegue deixar de ser Eduardiño o narigudo. Un día soña con que ía nun barco e este se foi a pique, aínda que co seu nariz logrou salvar os pasaxeiros dun naufraxio seguro. Nesta vivencia onírica entréganlle unha medalla e fanlle unha estatua, ademais de ver como todo o mundo quería un nariz como o seu. Ao espertar, mirouse non espello e pensou: “pois a min gústame”. Así toma a decisión de que non quere ser o cisne do conto de O patiño feo que súa nai lle relataba e contesta “mamá, a min gústame ser un pato”. As ilustracións desta historia cargada de hipérboles ocupan as dúas páxinas e apréciase un cambio de cores: ao principio son máis escuras e ao final, coa mellora da situación, son máis claras. Sobresae o relevo desta proposta ilustrativa a través do emprego da técnica mixta e de texturas variadas.
Potencialidades educativas. Este conto pode ser moi útil para traballar a autoestima dos nenos e nenas de educación infantil, así como para evidenciar as condutas reprobables daqueles que se burlan dos demais por cuestións da fisionomía. Aproveitando a referencia intertextual ao conto de H. C. Andersen, O patiño feo, poderíase comezar coa súa lectura e logo seguir coa historia de Eduardo para remarcar que non é preciso converterse nun cisne para ser feliz e estar contento cun mesmo. Tamén é importante incidir na importancia dos soños para superar situacións de difícil solución.
Recursos de interese.
Blog cun breve resumo da obra
Blog no que se exemplifica unha posible actividade a partir do nariz de Ricardiño
Álbum ilustrado, aceptación, diferenzas, autoestima.
Autoría
As escolmadoras (Melany Alonso, Sofía Bértolo, Carla Cabaleiro).
No hay comentarios:
Publicar un comentario