lunes, 2 de abril de 2018

Allumette

Allumette



Ungerer, Tomi, Allumete, trad. Sandra e Óscar Senra Gómez, Pontevedra: Kalandraka Editora, [40 pp.], (ISBN: 9788484643463). 






Breve descrición do formato e contido da obra. Adaptación de Tomi Ungerer a partir do conto orixinal A vendedora de mistos, de H. C. Andersen. Na cuberta deste álbum de tapas duras xa se reflicten os elementos centrais desta historia ilustrada cun estilo pictórico expresivo a dobre páxina e con distintos recursos gráficos, achegando detalles que completan a narración. As súas dimensións son de 20 x 28 cm e as súas corenta páxinas son de papel de boa calidade, con certificado FSC Mixto, o que garante a súa procedencia dos bosques xestionados de maneira sostible. A trama xira ao redor dunha nena chamada Allumete quen non ten familia nin fogar e vaga polas rúas intentando vender mistos no medio do desprezo das persoas. Un día de inverno, a nena derrumbouse no chan famenta, sen refuxio e sen apenas forzas, pedindo o desexo de vivir un pouco máis para saborear algún día os pequenos praceres dos que foi privada ao longo da súa vida. Nese momento caeu un raio e comezou unha tormenta, da que se desprendía todo aquilo que algún día desexou, ao mesmo tempo que é castigado todo aquel que a maltratara. Eran tantas as cousas recibidas que, en lugar de quedar con elas, comezou a regalarllas aos máis necesitados, coa axuda das persoas arrepentidas do trato que un día mostraron cara a ela e cara ao mundo. Deste xeito comezaron a aparecer voluntarios que axudaban a nena na súa misión e a xente facía múltiples e constantes doazóns. Finalmente Allumete creou a Fundación Luz del Mundo. Esta obra foi merecente do Premio Hans Christian Andersen de 1998 e foi Libro Destacado polo Ministerio de Educación de Francia.

Potencialidades educativas. Neste conto faise unha profunda crítica á sociedade co retrato da agresividade, a avaricia, o elitismo, a supremacía de poder e os excesos do materialismo. Tamén se destacan en positivo a xustiza, a xenerosidade e a solidariedade. Con isto, os nenos e nenas poderán valorar o que teñen, respectar a diversidade e entender a importancia de axudar e colaborar uns con outros. A diferenza do clásico A vendedora de mistos, este conto infunde esperanza no futuro da humanidade.
Recursos de interese.
Explicación do libro a través de vídeo explicativo en inglés.
Corto sobre o conto adaptado para ver con gafas de realidade virtual
https://www.youtube.com/watch?v=j7QnhncSzPA

Etiquetas.
álbum ilustrado, colaboración, cooperación, crítica social, discriminación, diversidade, pobreza, solidaridade, xustiza, xenerosidade.
Autoría.
As escolmadoras (Melany Alonso, Sofía Bértolo, Carla Cabaleiro)

No hay comentarios:

Publicar un comentario