Mostrando entradas con la etiqueta discriminación. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta discriminación. Mostrar todas las entradas

martes, 1 de mayo de 2018

Las muñecas son para las niñas

Las muñecas son para las niñas



Flamant, Ludovic, Las muñecas son para las niñas, ilustr. Jean-Luc Englebert, trad. María Teresa Rivas, Xirona: Tramuntana Editorial, 2013, [40 pp.] (ISBN:978-84-16578-56-6).

Resultado de imagen de las muñecas son para las niñas libro


Breve descrición do formato e contido. As imaxes da cuberta deste libro mostran unha nai e un pai cos seus dous fillos, un dos cales leva unha boneca na man. Estas imaxes ocupan un espazo reducido da cuberta, na que ten un peso maior o título da obra. O conxunto formado polas ilustracións e o título axuda a darlle ao lector unha idea de que pode tratar esta historia que procura derrubar estereotipos vinculados co xénero. A tía dos nenos protagonistas é un pouco “rara”, xa que lle regalou ao irmanciño unha boneca de trapo polo seu aniversario. Ao irmanciño gustoulle moito, pero ao papá non lle fixo moita graza e foi mercarlle unha caixa de ferramentas. Que fabricarán estes dous rapaces coa nova caixa de ferramentas? Esta obra encadernada en cartoné, de 195 x 265 mm, conta cunhas ilustracións que mesturan cores cálidas e frías. Ademais de acompañar o transcurso da historia, enriquécena con matices cargados de simpatía e tenrura.
 
Potencialidades educativas. Este conto pode ser moi útil para traballar a discriminación de xénero desde os primeiros anos de escolarización. Educar en igualdade rompendo cos roles de xénero tan arraigados na sociedade e que marcan os cativos e cativas dende ben cedo pode ser máis doado axudándose desta obra. Tamén é ideal para traballar valores como o respecto, a amizade e a igualdade.

Recursos de interese.
Blog de opinión e descrición da obra:

Etiquetas. Discriminación, estereotipos, igualdade, sexismo, familia, xogo.
Autoría: As escolmadoras (Melany Alonso, Carla Cabaleiro, Sofía Bértolo)

Sígueme!

Sígueme!


Campanari, José, Sígueme, ilustr. Roger Olmos, Pontevedra: OQO Editora, 2014, [48 pp.],
(ISBN 978-84-9871-496-8).
                                     Resultado de imagen de sígueme oqo
Breve descrición do formato e contido. Na cuberta deste álbum ilustrado aparece un elefante de puntos morados sentado sobre unha cinta métrica de costura que fai de camiño. As cores da ilustración son moi vivas e, combinadas coa figura do elefante, espertan a curiosidade do lectorado quen desexa somerxerse nesta proposta creativa de tan suxestivo título. O seu encadernado en cartoné, cuxas dimensións son de 25 x 23 cm, acolle unha historia para un público infantil a partir de tres anos. As ilustracións, en liña coo ton surrealista da historia, aproveitan espazos imposibles, cheos de humor e tenrura. Este elefante gris con lunares morados tan peculiar, que vive nunha selva, namórase dunha formiga negra con cintura de avespa, que o invita a seguila. E, e por suposto, o elefante non o pensa dúas veces. Percorre un camiño rodeado de árbores, métese ata o fondo dunha cesta de costura... Despois de moito camiñar, o elefante e a formiga atópanse e gozan do seu amor, un amor sen prexuízos, capaz de superar calquera obstáculo, barreira e diferenza.

Potencialidades educativas. Neste conto trátanse aspectos de grande interese para levar ás aulas de infantil, tales como o amor, o respecto e os prexuízos, así como pode resultar unha ferramenta moi útil para traballar a discriminación, máis especificamente, a discriminación polo aspecto físico e a aparencia de cada un.



Recursos de interese.
Contacontos:

Etiquetas. Amor, discriminación, diferenzas, prexuízos, respecto.
Autoría: As escolmadoras (Carla Cabaleiro, Melany Alonso, Sofía Bértolo)

E que podo facer eu?

E que podo facer eu?

Campanari, Jose E que podo facer eu? ilustr. Jesús Cisneros, trad. Maria Núñez, Pontevedra: OQO Editora, 2008, [40 pp.], (ISBN: 978-84-9871-049-6).


Resultado de imagen de e que podo facer eu?


Breve descrición do formato e contido. A imaxe dun home cunha expresión un tanto preocupada cun cordel na man e ao pé dunha árbore sen follas ocupan a cuberta deste álbum. Todo apunta cara á inquedanza e a preocupación, o que se acentúa coa lectura dun título formulado a modo de pregunta: E que podo facer eu?. Este álbum ilustrado en cartoné ten unhas dimensións de 25 x 23 cm e recolle nas súas páxinas unha historia destinada para un público a partir de cinco anos de idade. Jesús Cisneros realiza un traballo plástico con acuarela tinta e lapis que, en conxunto co traballo dixital, dá lugar a unhas ilustración de vital relevancia no transcurso da historia. Trátase de imaxes con espazos baleiros que se van enchendo a medida que avanza a acción e que amosan a evolución persoal do protagonista. O señor Xe acostuma ler as noticias todos os días e os seus alarmantes contidos asfíxiano de preocupacións. O seu carácter inquedo e reflexivo motiva que se pregunte como el se pode implicar na resolución dos conflitos e problemáticas existentes. Paseniñamente, vai descubrindo respostas á súa pregunta de E que podo facer eu? A través da descuberta da realidade máis próxima, aínda que sen ter que experimentar o dramatismo das situacións amentadas, a nenez pode ir tomando conciencia das dificultades da vida e da necesidade de asumir un papel proactivo a favor da solidariedade, xenerosidade e a xustiza de índole social.

Potencialidades educativas. Nesta proposta literaria e visual en formato de álbum ilustrado trátanse aspectos moi importantes a traballar nas aulas de educación infantil e primaria, xa que o señor Xe nos recorda que hai que mirar un pouco máis alá de nós mesmos e esforzarse en axudar a quen o necesita. É ideal para tratar temas como a solidariedade, a xenerosidade e os valores humanos de carácter universal. Así mesmo, é un texto que nos pode axudar a traballar a inacción e pasividade ante as inxustizas e que pode ser de grande axuda para previr situacións de discriminación desde cativos.

Recursos de interese.
Animación realizada por OQO filmes:

Etiquetas. Discriminación, valores humanos, solidariedade, xenerosidade.
Autoría: As escolmadoras (Sofía Bértolo, Melany Alonso, Carla Cabaleiro)

Unha pantasma con asma

Unha pantasma con asma


Gil, Carmen, Unha pantasma con asma, ilustr. Sarah Webster, trad. Marisa Núñez, Pontevedra: Kalandraka, 2008, [40 pp.] (ISBN: 978-84-8464-012-7).
                   

                                                Resultado de imagen de unha pantasma con asma

Breve descrición do formato e contido. Álbum ilustrado recomendado para nenos e nenas a partir de cinco anos en diante. Na cuberta aparece a imaxe dunha pantasma un tanto peculiar, xa que leva posto un gorro e unha bufanda, o que chama a atención desde o primeiro momento. Esta imaxe está acompañada de tons fríos, que serven de axuda para captar máis a atención de quen se aproxima a esta historia de pantasmas contada en verso e cargada de humor. O volume con tapa dura ten unhas dimensións de 22 x 22 cm e inclúe ilustracións a dobre páxina, moi vistosas e cun estilo impresionista, que inciden no carácter humorístico do texto. A técnica empregada é a do acrílico e lapis, recreando un ambiente pantasmagórico cunha alternancia coherente de tons cálidos e fríos a medida que avanza a historia. Neste conto o matasáns Godofredo levantouse moi cedo para visitar un paciente algo fóra do corrente: unha pantasma con asma, que nin asusta nin pasma! Despois de examinar exhaustivamente a doente, contra todo prognóstico, deu Godofredo o diagnóstico, terá esta fantasmal pantasma un problema de asma?


Potencialidades educativas. Esta proposta literaria resulta amena e de fácil lectura grazas ao seu ton humorístico e aos versos rimados, é ideal para levar á aula o amor e os bos sentimentos fronte á soidade e o mal humor. Permite abordar temas como a discriminación e os sentimentos que esta pode provocar, e abordar valores relacionados coa empatía, solidariedade, amizade, diversidade etc.



Recursos de interese.
Contacontos realizado por nenos e nenas de educación primaria:


Representación teatral feita polos nenos e nenas do CRA de Meis:

Etiquetas. Discriminación, empatía, amizade, solidariedade.
Autoría: As escolmadoras (Melany Alonso, Carla Cabaleiro, Sofía Bértolo)

sábado, 7 de abril de 2018

Orellas de bolboreta

Orellas de bolboreta  

Aguilar, Luisa, Orellas de bolboreta, ilustr. André Neves, trad. Manuela Rodríguez, Pontevedra: Kalandraka, col. Demademora, 2007, [32 pp.], (ISBN: 978-84-8464-662-4).
















Breve descrición do formato e contido. Álbum ilustrado recomendando para nenos e nenas de 4 anos en diante. Na cuberta aparece a caricatura de Mara, a protagonista, con cores moi cálidas e vivas, co que se pretende conseguir a atención dos máis pequenos. O volume de tapa dura e cunhas dimensións de 22 x 22 cm inclúe ilustracións a dobre páxina, moi vistosas e coloridas, nas que sobresae o emprego de gamas cálidas e de elementos téxtiles e de papel. O diálogo que establecen nai e filla sostén esta historia de acoso que sofre Mara, unha nena que ten unha fisionomía un tanto particular marcada por unhas grandes orellas. Os consellos maternos enchen de ánimo a Mara, quen reforza a súa atuoestima e lle contesta aos seus compañeiros dun xeito moi imaxinativo. Trátase, en fin, dunha historia enfiada por un texto sinxelo pero cargado de naturalidade e razón que se nutre dunha preciosa linguaxe repleta de xogos metafóricos.

Potencialidades educativas. É esta unha proposta literaria amena e de fácil lectura que nos propicia a entrada na aula do tema do acoso e discriminación por cuestións físicas. Tamén permite abordar valores vinculados coa empatía, o respecto, a diversidade, a igualdade... para que os máis pequenos e pequenas sexan capaces de advertir as situacións de acoso, saiban como enfrontarse a elas e mesmo asuman un papel activo para a súa denuncia e eliminación.

Recursos. 
Videoconto en galego:
 https://www.youtube.com/watch?v=2CmLNSrO3g4

Representación teatral da obra polos alumnos de 5ºEP do colexio LAR:
http://triciclolar.blogspot.com.es/2015/05/teatro-orellas-de-bolboreta.html

Etiquetas
Álbum ilustrado, autoestima, bulliyng, discriminación, emocións.
Autoría.
As escolmadoras (Sofía Bértolo, Carla Cabaleiro, Melany Alonso).

lunes, 2 de abril de 2018

Allumette

Allumette



Ungerer, Tomi, Allumete, trad. Sandra e Óscar Senra Gómez, Pontevedra: Kalandraka Editora, [40 pp.], (ISBN: 9788484643463). 






Breve descrición do formato e contido da obra. Adaptación de Tomi Ungerer a partir do conto orixinal A vendedora de mistos, de H. C. Andersen. Na cuberta deste álbum de tapas duras xa se reflicten os elementos centrais desta historia ilustrada cun estilo pictórico expresivo a dobre páxina e con distintos recursos gráficos, achegando detalles que completan a narración. As súas dimensións son de 20 x 28 cm e as súas corenta páxinas son de papel de boa calidade, con certificado FSC Mixto, o que garante a súa procedencia dos bosques xestionados de maneira sostible. A trama xira ao redor dunha nena chamada Allumete quen non ten familia nin fogar e vaga polas rúas intentando vender mistos no medio do desprezo das persoas. Un día de inverno, a nena derrumbouse no chan famenta, sen refuxio e sen apenas forzas, pedindo o desexo de vivir un pouco máis para saborear algún día os pequenos praceres dos que foi privada ao longo da súa vida. Nese momento caeu un raio e comezou unha tormenta, da que se desprendía todo aquilo que algún día desexou, ao mesmo tempo que é castigado todo aquel que a maltratara. Eran tantas as cousas recibidas que, en lugar de quedar con elas, comezou a regalarllas aos máis necesitados, coa axuda das persoas arrepentidas do trato que un día mostraron cara a ela e cara ao mundo. Deste xeito comezaron a aparecer voluntarios que axudaban a nena na súa misión e a xente facía múltiples e constantes doazóns. Finalmente Allumete creou a Fundación Luz del Mundo. Esta obra foi merecente do Premio Hans Christian Andersen de 1998 e foi Libro Destacado polo Ministerio de Educación de Francia.

Potencialidades educativas. Neste conto faise unha profunda crítica á sociedade co retrato da agresividade, a avaricia, o elitismo, a supremacía de poder e os excesos do materialismo. Tamén se destacan en positivo a xustiza, a xenerosidade e a solidariedade. Con isto, os nenos e nenas poderán valorar o que teñen, respectar a diversidade e entender a importancia de axudar e colaborar uns con outros. A diferenza do clásico A vendedora de mistos, este conto infunde esperanza no futuro da humanidade.
Recursos de interese.
Explicación do libro a través de vídeo explicativo en inglés.
Corto sobre o conto adaptado para ver con gafas de realidade virtual
https://www.youtube.com/watch?v=j7QnhncSzPA

Etiquetas.
álbum ilustrado, colaboración, cooperación, crítica social, discriminación, diversidade, pobreza, solidaridade, xustiza, xenerosidade.
Autoría.
As escolmadoras (Melany Alonso, Sofía Bértolo, Carla Cabaleiro)