Mostrando entradas con la etiqueta Carmen Gil. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Carmen Gil. Mostrar todas las entradas

miércoles, 2 de mayo de 2018

A princesa que bocexaba a todas horas

A princesa que bocexaba a todas horas

Gil, Carmen, A princesa que bocexaba a todas horas, ilustr. Elena Ordiozola, trad. Antón Fortes, Pontevedra: OQO Editorial, col. “O”, 2005, [36pp.] (ISBN: 9788496573024.)





Breve descrición do formato e do contido. Tradución de Antón Fortes da obra orixinal de
Carmen Gil, La princesa que bostezaba a todas horas. Na cuberta deste álbum de tapa dura
aparece unha moza bocexando, aínda que polo título sabemos que se trata dunha princesa. As
gardas son de cor rosa con pequenas flores, o que podería mostrar unha relación entre ser
princesa (ou nena simplemente) e esta cor sempre asociada ao xénero feminino. É un libro de
tacto moi agradable no que a ilustradora utiliza unha paleta de cores moi suave destacando
sobre todo as cores primarias: azul, rosa, amarelo e verde. Os trazos das ilustracións son
delicados e destacan porque son ovalados e causan unha sensación afable. A historia trata
dunha princesa que bocexa a todas horas. O rei estaba moi preocupado porque a súa filla non
facía máis que bocexar e contaxiaba os bocexos a todos os do palacio, ata ao gato e ao can do
xardineiro. Pensou que podería ser de fame, de sono ou incluso de aburrimento, polo que a
encheu de diferentes luxos para que deixara de bocexar, pero en ningún deses casos
funcionou e a princesa seguiu bocexando… ata que deixa de facelo. O retrouso E tamén o rei,
a raíña, os ministros… e ata o gato e o can do xardineiro! marca unha sucesión de feitos
reiterativos, ademais de acentuar a musicalidade e facilitar a memorización da historia.
Polas ilustracións desta obra, Elena Odriozola recibiu polo Ministerio de Cultura o segundo
Premio ás Mellores Ilustracións Infantís e Xuvenís do ano 2005.


Potencialidades educativas. Este álbum ilustrado, que pode considerarse unha adaptación de
A princesa e o guisante, de H.C. Andersen,ofrece dous niveis de lectura: por una parte, sitúase
en contra da sociedade consumista na que vivimos, pois a princesa rexeita todos os bens que lle
traen e o único que quere é gozar de verdade como unha rapaza máis, facendo todo o que lle tiñan
prohibido polo mero feito de ser unha nena e ademais princesa; por outra parte, trata do
valor da amizade e de establecer lazos afectivos entre iguais.

Recursos.

Etiquetas. Ábum, amizade, princesas, roles de xénero
Autoría. As escolmadoras (Melany Alonso, Sofía Bértolo, Carla Cabaleiro)

martes, 1 de mayo de 2018

Unha pantasma con asma

Unha pantasma con asma


Gil, Carmen, Unha pantasma con asma, ilustr. Sarah Webster, trad. Marisa Núñez, Pontevedra: Kalandraka, 2008, [40 pp.] (ISBN: 978-84-8464-012-7).
                   

                                                Resultado de imagen de unha pantasma con asma

Breve descrición do formato e contido. Álbum ilustrado recomendado para nenos e nenas a partir de cinco anos en diante. Na cuberta aparece a imaxe dunha pantasma un tanto peculiar, xa que leva posto un gorro e unha bufanda, o que chama a atención desde o primeiro momento. Esta imaxe está acompañada de tons fríos, que serven de axuda para captar máis a atención de quen se aproxima a esta historia de pantasmas contada en verso e cargada de humor. O volume con tapa dura ten unhas dimensións de 22 x 22 cm e inclúe ilustracións a dobre páxina, moi vistosas e cun estilo impresionista, que inciden no carácter humorístico do texto. A técnica empregada é a do acrílico e lapis, recreando un ambiente pantasmagórico cunha alternancia coherente de tons cálidos e fríos a medida que avanza a historia. Neste conto o matasáns Godofredo levantouse moi cedo para visitar un paciente algo fóra do corrente: unha pantasma con asma, que nin asusta nin pasma! Despois de examinar exhaustivamente a doente, contra todo prognóstico, deu Godofredo o diagnóstico, terá esta fantasmal pantasma un problema de asma?


Potencialidades educativas. Esta proposta literaria resulta amena e de fácil lectura grazas ao seu ton humorístico e aos versos rimados, é ideal para levar á aula o amor e os bos sentimentos fronte á soidade e o mal humor. Permite abordar temas como a discriminación e os sentimentos que esta pode provocar, e abordar valores relacionados coa empatía, solidariedade, amizade, diversidade etc.



Recursos de interese.
Contacontos realizado por nenos e nenas de educación primaria:


Representación teatral feita polos nenos e nenas do CRA de Meis:

Etiquetas. Discriminación, empatía, amizade, solidariedade.
Autoría: As escolmadoras (Melany Alonso, Carla Cabaleiro, Sofía Bértolo)

lunes, 26 de marzo de 2018

A princesa que bocexaba a todas horas

Gil, Carmen, A princesa que bocexaba a todas horas, ilustr. Elena Odriozola, trad. Antón Fortes, Pontevedra: Editorial OQO, col. “Colección O”, 2005, [36pp.] (ISBN: 978-84-96573-02-4).

Breve descrición do formato e do contido da obra. Este álbum literario en cartoné narra a historia dunha princesa que non paraba de bocexar, xa que, aínda que dispoñía de todo, aburríase moito. O seu pai brindáballe todos os obxectos materiais imaxinables, pero a protagonista non melloraba e contaxiaba a todos o seu bocexo. Esta situación muda cando coñece un rapaz con que se divirte moito e se converten en amigos, polo que xa non bocexa porque vence o aburrimento. A presente historia, que nos fala da importancia da amizade, o xogo e as relacións afectivas, obtivo o segundo premio das mellores ilustracións do libro infantil e xuvenil, 2006, do Ministerio de Educación, Cultura y Deportes.
Este relato está enfiado por un narrador en terceira persoa e ten unha estrutura circular, xa que remata como comeza, pero de forma contraria. Ademais preséntase cun discurso textual sinxelo e asentado na acumulación e nun xogo de reiteracións (retrouso), que se acentúa aínda máis coa rima. Na portada xa se avanza a historia a través do título e a imaxe da protagonista coa boca aberta. O texto interior non aparece en todas as páxinas e intercálanse páxinas con texto e con ilustracións cun propósito de retroalimentárense. As ilustracións de gran tamaño polo xeral ocupan toda a folla, e nelas xógase cos volumes e os diferentes tamaños. Os deseños son coloristas e mesturan estampados, gravados e texturas, ademais de incorporaren toques de humor, cuns personaxes moi especiais. Todo isto achega a obra unha gran riqueza visual.

Potencialidades educativas. Esta historia serve para abordar o tema dos coidados familiares ao ofrecérselle á princesa todo o que ten ao seu dispor. Tamén alude ao consumismo: de como lles ofrecemos aos cativos obxectos materiais que moitas veces non suplen as carencias afectivas e de socialización que poden ter. Son outros os valores que aborda, entre os que destacan, a importancia da amizade e a creación de vínculos afectivos con persoas que non son da contorna familiar. A través deste relato con tintes de humor, outrosí podemos iniciar os máis cativos e cativas no coñecemento de alimentos doutros países e na descuberta dos recursos vinculados coa rima.

Recursos de interese.
Experiencia nun centro:

Grupo conflitos persoais. (Nuria Castiñeira Rodríguez, Sandra Dapena Hortas, Sheila Domínguez Da costa, Carmen Eiras Conde, Sara Fernández Luna e Silvia Fraguas Juncal).