lunes, 26 de marzo de 2018

A princesa que bocexaba a todas horas

Gil, Carmen, A princesa que bocexaba a todas horas, ilustr. Elena Odriozola, trad. Antón Fortes, Pontevedra: Editorial OQO, col. “Colección O”, 2005, [36pp.] (ISBN: 978-84-96573-02-4).

Breve descrición do formato e do contido da obra. Este álbum literario en cartoné narra a historia dunha princesa que non paraba de bocexar, xa que, aínda que dispoñía de todo, aburríase moito. O seu pai brindáballe todos os obxectos materiais imaxinables, pero a protagonista non melloraba e contaxiaba a todos o seu bocexo. Esta situación muda cando coñece un rapaz con que se divirte moito e se converten en amigos, polo que xa non bocexa porque vence o aburrimento. A presente historia, que nos fala da importancia da amizade, o xogo e as relacións afectivas, obtivo o segundo premio das mellores ilustracións do libro infantil e xuvenil, 2006, do Ministerio de Educación, Cultura y Deportes.
Este relato está enfiado por un narrador en terceira persoa e ten unha estrutura circular, xa que remata como comeza, pero de forma contraria. Ademais preséntase cun discurso textual sinxelo e asentado na acumulación e nun xogo de reiteracións (retrouso), que se acentúa aínda máis coa rima. Na portada xa se avanza a historia a través do título e a imaxe da protagonista coa boca aberta. O texto interior non aparece en todas as páxinas e intercálanse páxinas con texto e con ilustracións cun propósito de retroalimentárense. As ilustracións de gran tamaño polo xeral ocupan toda a folla, e nelas xógase cos volumes e os diferentes tamaños. Os deseños son coloristas e mesturan estampados, gravados e texturas, ademais de incorporaren toques de humor, cuns personaxes moi especiais. Todo isto achega a obra unha gran riqueza visual.

Potencialidades educativas. Esta historia serve para abordar o tema dos coidados familiares ao ofrecérselle á princesa todo o que ten ao seu dispor. Tamén alude ao consumismo: de como lles ofrecemos aos cativos obxectos materiais que moitas veces non suplen as carencias afectivas e de socialización que poden ter. Son outros os valores que aborda, entre os que destacan, a importancia da amizade e a creación de vínculos afectivos con persoas que non son da contorna familiar. A través deste relato con tintes de humor, outrosí podemos iniciar os máis cativos e cativas no coñecemento de alimentos doutros países e na descuberta dos recursos vinculados coa rima.

Recursos de interese.
Experiencia nun centro:

Grupo conflitos persoais. (Nuria Castiñeira Rodríguez, Sandra Dapena Hortas, Sheila Domínguez Da costa, Carmen Eiras Conde, Sara Fernández Luna e Silvia Fraguas Juncal).

No hay comentarios:

Publicar un comentario