Richardson,
Justin e Peter Parnell, Con Tango son tres, ilustr. Henry Cole,
Pontevedra: Kalandraka, col. “Tras os Montes”, 2016, [32 pp.], (ISBN:
978-84-8464-985-4).
Breve
descrición do formato e contido. Con Tango son tres é unha fermosa historia que parte dun
acontecemento real sucedido no zoo de Central Park (Nova York). Neste recinto
verde conviven familias de pingüíns, pero hai unha que é moi particular. Roi e
Silo son dous pingüíns namorados que vían como o resto de parellas podía facer
unha cousa que eles non… POÑER UN OVO!!! Un día, o coidador do zoo depositou un
ovo no seu niño de pedras, polo que lles deu a oportunidade de formar unha
familia. E así foi como, con moito amor e coidado, naceu Tango, o primeiro
pingüín en ter dous pais. Esta recreación literaria de curta extensión posta en
boca dun narrador en terceira persoa permite visualizar a multiplicidade de
familias que integra a nosa realidade social. Así mesmo preséntase nun álbum
ilustrado de tapas duras que inclúe unha serie de imaxes a dobre páxina, nas
que as cores pasteis se combinan con cores máis vivas para ofrecer unha lectura
visual complementaria do fío narrativo, que se desenvolve baixo o protagonismo
animal. A interrelación que se dá entre os elementos textuais e icónicos axudará
ás crianzas a mergullarse nesta lectura recomendable pola súa calidade
literaria e estética, así como a sensibilizalas cara ao recoñecemento e
respecto polas diferentes familias, nas que o máis relevante está no amor que
une os seus membros e non na súa condición.
Potencialidades
educativas. A temática desta obra permítenos
traballar os tipos de unidades familiares que existen, así como as dúbidas e
preguntas que lles poidan xurdir a todos os nenos e nenas. Con este álbum
literario pódese, sen dúbida, mostrar como calquera familia ha de ser
considerada válida e ser respectada, sen importar a variedade, condicións,
peculiaridades... de quen as forma, sempre que se manteñan os valores positivos
desta institución tan relevante para a etapa formativa do noso alumnado. Tamén
permite abordar outras cuestións vinculadas co sexo e mesmo outros valores como
a igualdade, a solidariedade, o respecto..
Recursos de interese.
Etiquetas. Justin Richardson, Peter Parnell, Henry Cole, familia, Kalandraka, diversidade familiar, álbum ilustrado, Estibel.
Autoría. Estibel (Estefanía López Tanoira, Tiffany Pintos Nieto e Belén Sanmartín Malheiro).
No hay comentarios:
Publicar un comentario