domingo, 25 de marzo de 2018

TENGO UNA TÍA QUE NO ES MONJITA




Cardoza, Melisa, Tengo una tía que no es monjita, ilust. Margarita Sada, México: Patlatonalli, col. “Todas las familias son sagradas”, 2004, [27 pp.]  (ISBN: 9786079511036).

Breve descrición do formato e o contido. Este libro móstranos como a protagonista descobre que a súa tía é lesbiana. A pequena rapaza, que quere moito a súa tía, descobre que ten ideas distintas ás do seu pai. Ela prefire a manteiga feita pola xente do lugar e, en vez de cumprir o desexo da sobriña de levala a Disneylandia, prefire levala a coñecer Guatemala. A tía ten moitas amigas e sempre leva unha á casa. A historia culmina cando a tía e a amiga se bican e lle conta á nena que a súa amiga é a súa moza. Trátase dunha lectura subversiva, debido a que rompe co molde de familia tradicional heterosexual con fillos/as e tamén polo ideario que posúe a tía.


A voz da sobriña é a encargada de narrar a historia deste álbum literario de estrutura clásica (introdución, nó e desenlace), polo que flúe unha intensa corrente crítica. Así a tía asume un comportamento guiado polo seu pensamento e conciencia, de aí que acabe por desvelar a súa tendencia homosexual e loite contra as imposicións das maiorías capitalistas e das relixións, ao mesmo tempo que se mostra comprensiva con respecto a aqueles estamentos sociais marxinados. O texto transcríbese en letras de diferentes formas, tamaños e cores, co que se pretende resaltar palabras clave, estados, obxectos... Nel sobresae a incorporación de palabras propias da cultura mexicana, caso de “gringo”, e daqueloutras vinculadas co campo semántico da familia (tía, sobriña, pai etc).

A cuberta amosa a protagonista de pequeno tamaño sentada nunha cadeira de brazos, mentres que as gardas presentan unha degradada cor laranxa e un estampado de corazóns. Os debuxos son sinxelos e reproducen formas xeométricas. A maioría de páxinas teñen un fondo dunha soa cor, pero os personaxes e os obxectos son moi coloridos. É curioso que nunha folla a tía e a sobriña aparecen cantando, á vez que as notas musicais están debuxadas ao revés e unidas todas coma se fosen unha longa corchea. Isto semella a escritura en espello común na etapa de aprendizaxe infantil.

Potencialidades educativas.
Esta obra serve para visualizar e abordar os diferentes tipos de familia, cuestións vinculadas coas opcións sexuais, a diversidade cultural e as críticas abertas ás imposición dos países e economías dominantes.

Recursos de interese.
Obra dixitalizada

Adaptación de monicreques da obra

Comentario da obra e entrevista á autora

As Pegadas (Jorge Fernández, Nuria Fernández, Tamara Duarte, Alba Corredoira, Carolina Ramiro, María C. Conde)

No hay comentarios:

Publicar un comentario