Mostrando entradas con la etiqueta Nadia Menotti. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Nadia Menotti. Mostrar todas las entradas

miércoles, 11 de abril de 2018

As pescadoras

Menotti, Nadia, As pescadoras, adapt. Xosé Ballesteros, Pontevedra: Kalandraka Editora, col. “MareMar”, 2017, [36 pp.], (ISBN: 978-84-84-64-283-1).

Breve descrición do formato e do contido. Este álbum de tapa dura de 22x22 cm conta coa mención do xurado do VII Premio Internacional de Álbum Ilustrado e tamén foi galardoado na XXXIII Mostra do Libro Infantil e Xuvenil de Madrid. É preciso sinalar que cuberta, lombo e contracuberta deben de ser vistos coma un todo. Na primeira observamos tres mulleres creadas por obxectos cotiás da vida do mar, recostadas e rodeadas de diversos elementos propiamente mariñeiros (peixes, cestas…). Entre todos eles destaca un cabo, recollido de xeito que conforma o título do libro, creando un vínculo indisoluble entre imaxe e texto. Completa esta cuberta o nome da ilustradora e a editorial. No que respecta ás gardas, repítense cunha única diferenza: o peixe protagonista está situado en distintos lugares dando a benvida e despedindo o lector. A ironía –representada por un peixe personificado con paraugas– é a protagonista dunha imaxe cálida que resulta ser unha aliteración para a vista. Todos estes elementos, xunto cos da portada, están a situar o lectorado, quen se verá sorprendido polo emprego de materias propios do mar para, a partires del, dar vida ás distintas escenas costumistas. 

A estrutura do libro é repetitiva: a parte esquerda está dedicada ao texto, acompañado de ferramentas mariñeiras; na dereita, desenvólvese en imaxes a historia que se está a narrar. Tan só tres páxinas carecen de textos e están centradas completamente na imaxe que, en calquera caso, é sumamente evocadora e permite xogar ás crianzas a descifrar as compoñentes que a conforman, alimentando así a súa imaxinación e creatividade. É preciso sinalar que as personaxes carecen de trazos faciais, pero coñecemos claramente a personalidade de cada unha grazas ás metáforas visuais.

A historia, unha adaptación dun conto tradicional hindú, céntrase no que lle acontece a tres pescadoras un día de treboada. Non lles queda outra opción que refuxiarse no fogar dunha florista, pero ás protagonistas algo lles incomoda... Como resolverán o problema? Todos estes feitos son relatados por un narrador heterodiexético, que só ao final lles cede a palabra ás pescadoras. Sobresae a selección léxica dun discurso textual que está ateigado de aliteracións, cun gran poder sinestésico para a evocación dos sentidos. 


Potencialidades da obra. A obra permite traballar un novo modelo de relación entre mulleres baseada na solidariedade, pero ademais serve para afondar nos traballos tradicionais e na artesanía. Dado que é unha adaptación dunha canción hindú, abre a aula a novas culturas, de igual xeito que permite traballar a resolución de problemas e os valores de cooperación ou o respecto. É interesante comentar que a técnica elixida pola ilustradora recorda a algunhas das empregadas na arte de vangarda, polo que esta cuestión tamén podería ser tratada na aula.


Etiquetas. Xénero, adaptación, estereotipos, solidariedade, profesións, artesanía, vida cotiá.


Autoría. Rosalía (Mar Barros Couto, Sara Garrido Fernández, Sara González Guede, Haizea Lemos Alonso).

jueves, 22 de marzo de 2018

As pescadoras

Ballesteros, Xosé (adapt), As pescadoras, ilust. Nadia Menotti, Pontevedra: Editorial Kalandraka, (+5 anos), 2017, [36 pp. ] (ISBN: 978-84-8464-283-1).

Descrición do contido textual e visual: Este álbum ilustrado de formato cadrado (22x22 cm) e de tapas duras recolle a adaptación dun conto tradicional da India. O texto aparece nas páxinas esquerdas e as ilustracións nas dereitas, aínda que, en ocasións, os debuxos ocupan as dúas páxinas. Baixo este esquema compositivo, os nenos e nenas poden descubrir a historia dun grupo de mulleres que, despois dunha hostil tormenta, atopan refuxio na casa dunha florista. O texto que sostén esta historia caracterízase polo poder suxestivo das súas descricións que fan espertar os sentidos do lector, especialmente, o do olfacto, pois as pescadoras non mudan o rico olor da casa da florista polo intenso cheiro do mar. Nadia Menotti enriquece esta historia coas súas ilustracións conformadas por obxectos e detalles elaborados con madeira, arame, cartón e elementos textis que logran unhas incribles imaxes de inspiración realista.

Potencialidades de la obra para educación infantil: Este texto caracterizado por unha intensa plasticidade aséntase na formulación das diverxencias, mediante a escolla do cheiro das flores ou do peixe. En consonancia coas tradicións culturais, a resposta pode ser unha ou outra. Cando as peixeiras pasan a noite na casa da florista, prefiren o cheiro do peixe antes có das flores, xa que elas estaban acostumadas a el e non ao aroma das flores. Ademais na obra aparecen outros elementos relevantes: o duro traballo das pescadoras e a solidariedade da florista que as acolle con suma hospitalidade. A través desta obra enaltécese a defensa da identidade e do propio máis alá da dureza que supón, xa que as protagonistas se reafirman na súa condición de pescadoras ao non trocar a dureza do seu labor pola delicadeza das flores.

Autoras: SQRUPS (Ángela López Ferradás, Miriam Rodríguez Martínez, Valeria Vázquez Martiñán, Laura Veiga Darriba).