Ballesteros, Xosé (adapt), As pescadoras, ilust. Nadia Menotti, Pontevedra: Editorial Kalandraka, (+5 anos), 2017, [36 pp. ] (ISBN: 978-84-8464-283-1).
Descrición do contido textual e visual: Este álbum ilustrado de formato cadrado (22x22 cm) e de tapas duras recolle a adaptación dun conto tradicional da India. O texto aparece nas páxinas esquerdas e as ilustracións nas dereitas, aínda que, en ocasións, os debuxos ocupan as dúas páxinas. Baixo este esquema compositivo, os nenos e nenas poden descubrir a historia dun grupo de mulleres que, despois dunha hostil tormenta, atopan refuxio na casa dunha florista. O texto que sostén esta historia caracterízase polo poder suxestivo das súas descricións que fan espertar os sentidos do lector, especialmente, o do olfacto, pois as pescadoras non mudan o rico olor da casa da florista polo intenso cheiro do mar. Nadia Menotti enriquece esta historia coas súas ilustracións conformadas por obxectos e detalles elaborados con madeira, arame, cartón e elementos textis que logran unhas incribles imaxes de inspiración realista.
Potencialidades de la obra para educación infantil: Este texto caracterizado por unha intensa plasticidade aséntase na formulación das diverxencias, mediante a escolla do cheiro das flores ou do peixe. En consonancia coas tradicións culturais, a resposta pode ser unha ou outra. Cando as peixeiras pasan a noite na casa da florista, prefiren o cheiro do peixe antes có das flores, xa que elas estaban acostumadas a el e non ao aroma das flores. Ademais na obra aparecen outros elementos relevantes: o duro traballo das pescadoras e a solidariedade da florista que as acolle con suma hospitalidade. A través desta obra enaltécese a defensa da identidade e do propio máis alá da dureza que supón, xa que as protagonistas se reafirman na súa condición de pescadoras ao non trocar a dureza do seu labor pola delicadeza das flores.
Autoras: SQRUPS (Ángela López Ferradás, Miriam Rodríguez Martínez, Valeria Vázquez Martiñán, Laura Veiga Darriba).
No hay comentarios:
Publicar un comentario