Chamberlin, Mary e Rich, Las Crepes de Mamá Panya, ilust. Julia Cairns, trad. Fina Marfa, Barcelona: Intermón
Oxfam, 2005, [40 pp.] (ISBN: 84-8452-354-3).
Breve descrición do formato
e contido. Neste texto narrativo que se
presenta nun álbum de tapas duras sobresae a súa proposta ilustrativa, xa que nos fai partícipes das paisaxes, palabras e
costumes do pobo de Kenia. A historia arrinca cando mamá Panya dispón de poucos
cartos para adquirir os ingredientes que lle permitan preparar unhas filloas
para cear e o fillo convida unha morea de amigos sen saber se haberá comida
para todos. A cea resultou estupenda, pois os convidados acaban por traer algo
entre as súas mans. Esta preciosa historia de solidariedade tamén lle permite
ao lectorado máis novo facer unha viaxe pola xeografía de Kenia e descubrir a
fauna, flora e outros aspectos culturais dos seus pobos. Todo este percorrido é
presentado de forma conxunta polas voces dun narrador e dos protagonistas, así
como a través das cálidas e tribais imaxes que acompañan o texto e os anexos finais,
que incluso ofrecen a receita das filloas de mamá Panya. A entrada a esta terra
e costumes africanos xa se inicia desde a imaxe da cuberta, na que se recrea
unha imaxe representativa da nenez que habita esas xeografías.
Potencialidades educativas. Con este conto podemos traballar cos
rapaces e rapazas a gastronomía e os costumes doutros países, así como o valor
da amizade e as singularidades de cada familia.
Recursos de interese.
Na parte final deste volume recóllese unha serie de propostas que
permiten traballar certas cuestións relativas á vida, contorna, lingua... de
Kenia.
Na Rede tamén se poden encontrar outros recursos:
Vídeo dunha actividade realizada a partir da súa lectura:
Autoras. Pulgariñas
(Ana Salgado Pazos, Cecilia Solla Vázquez, Alicia Vidal Peneireiro e Tatiana
Viéitez Losada).
No hay comentarios:
Publicar un comentario