miércoles, 21 de marzo de 2018

O libro dos medos

Canosa, María, O libro dos medos, ilust. Olaya Naveira, Santiago de Compostela: Ediciones Bolanda, 2016, [48 pp.], (ISBN: 978-84-617-4510-4).

Breve descrición do formato e contido. Álbum ilustrado de tapas duras e follas grosas que acolle distintas historias e experiencias en forma de poemas. Na súa cuberta aparecen o neno e a nena protagonistas no interior dunha persoa representada de forma abstracta. Na contracuberta recóllese un poema referido á superación do medo, escrito sobre a imaxe do corpo dunha persoa que ten ao lado o neno protagonista. Unha vez nos introducimos no álbum, atopámonos (ao igual que xa se predicía na cuberta e contracuberta) con tons grises, negros e brancos como cores predominantes e tamén se inclúen outras cores, pero sempre nuns tons pasteis e apagados. Os debuxos que contén o libro aparentan ser bocetos feitos á man sobre folios en branco ou follas de caderno. Estes acostuman ocupar as dúas páxinas do libro aínda que noutras ocasións se limitan a seren representados nun pequeno espazo. As imaxes correspóndense co poema ao que acompañan. Cabe destacar que en case todas as páxinas aparece un dente de león ou partes do mesmo voando, o que pode simular o medo que vai desaparecendo como o dente de león ao soprar.

Os poemas están integrados por un número variado de estrofas de entre seis e dez, agás o poema final que conta con quince. Todos eles teñen o mesmo tipo de letra e tamaño, así como a mesma cor negra, excepto o primeiro que emprega a cor branca. Ao tratarse dunha obra poética, é de salientar a sonoridade dos seus textos que están divididos por temáticas: medo a cousas da noite, aos animais etc para rematar cun poema sobre o propio medo e co xa mencionado na contracuberta relativo á súa superación. As temáticas son introducidas por dúas páxinas en branco nas que aparecen debuxos, que ocupan unha parte moi pequena, situados debaixo do poema dalgún autor ou autora que trata sobre a temática que se vai expoñer a continuación. 

A obra non segue unha secuencia lineal xa que cada un dos poemas trata un medo diferente aínda que se pode observar un agrupamento deses medos por ámbitos (medo aos animais, a certas profesións…). Desde diferentes voces poéticas infantís evócase unha historia que segue un guión claro: nun inicio presenta ao que ten medo (á noite, ás arañas, ás bruxas etc) pero a medida que avanza o discurso poético, ese medo vai desaparecendo ata que ao final se acaba superando.

Potencialidades educativas. Mediante esta obra pódense tratar diferentes medos infantís (medo aos ratos, ás fantasmas, aos ruídos…) a través da poesía, ao mesmo tempo que ofrece a posibilidade de traballar a poesía desde diferentes perspectivas (comparación estrófica, rimas, recursos…).

Autoría. Contistas (A. Martínez (P), A. Ramiro, N. Reyes, B. Sierra).

No hay comentarios:

Publicar un comentario