lunes, 30 de abril de 2018

Unha feliz catástrofe

Turin, Adela, Unha feliz catástrofe, ilust. Nella Bosnia, trad. G. Tolentino, Pontevedra: Kalandraka, 2014, [40 pp.], (ISBN:978-84-8464-888-8).

Breve descrición do formato e contido. Álbum ilustrado de tapa dura cunhas medidas de 21,5x27 cm. Na cuberta destaca a ilustración de catro ratos navegando sobre unha mesa coas patas para riba, como se dunha barca se tratase. Nesta imaxe xa se poden detectar cuestións de xénero de interese -as mulleres son as líderes da situación-, e, no que respecta ás cores das vestimentas, estas non se corresponden cos estereotipos tradicionais, debido a que podemos ver o que semella un rato cun peto cor rosa. A contracuberta, na que continúa a imaxe presentada previamente, si atende aos estereotipos de xénero, entre os que destaca a muller coidadora. Ademais as cores cálidas visten as personaxes femininas, namentres que as frías fan o propio cos masculinos. Nesta contracuberta tamén se presenta a sinopse da historia. O máis interesante desta proposta é que a ilustración lle avanza ao lectorado o acontecemento que mudará o desenvolvemento da historia. Do mesmo xeito as gardas, de fondo marrón degradado, retratan oito ratos en fila vestidos con roupa de cores; semella que están a facer unha presentación oficial dos que serán os protagonistas. As páxinas interiores artéllanse con ilustracións grandes, a dobre páxina, detalladas e moi descritivas, de cores vivas e rechamantes, sobre todo nas da roupa dos personaxes ou de elementos secundarios. É interesante destacar que nunha primeira ollada os personaxes son asexuados (polo menos, fisicamente); o único que establece o sexo é a vestimenta e as actividades que desenvolven ou posturas nas que aparecen, que responden aos estereotipos de xénero. Na historia nárrase o día a día dunha familia na que a organización é puramente patriarcal: a muller coida dos nenos (espazo privado) e o home traballa fóra da casa (espazo público). Un día sucede unha catástrofe que vai facer que este estilo de vida mude por completo. O texto, escrito cunha tipografía limpa e sinxela de ler, caracterízase por ser sumamente descritivo, grazas ao cal nos decatamos perfectamente dos estereotipos propios dun sistema patriarcal e como estes se reproducen na nosa vida cotiá. No que respecta ao narrador, que é heterodiexético, este non forma parte dos feitos e, polo tanto, relátaos en terceira persoa gramatical.

Potencialidades educativas. Este conto reflexiona sobre a desigualdade no reparto das tarefas domésticas e a revisión dos estereotipos de xénero, polo que se pode usar como ferramenta para concienciar o alumnado da importancia da igualdade, o respecto e a colaboración. Ademais permite traballar a resolución de conflitos de xeito creativo e a adaptación dos comportamentos ás novas situacións.

Recursos de interese.
Proposta de tarefa:

Vídeo sobre o conto (castelán):

Etiquetas. Xénero, tarefas do fogar, roles, estereotipos, patriarcado, animais, igualdade.


Autoría. Rosalía (Mar Barros Couto, Sara Garrido Fernández, Sara González Guede e Haizea Lemos Alonso).

No hay comentarios:

Publicar un comentario