lunes, 30 de abril de 2018

Iriña bailarina

Justo, Cristina e Rodríguez, Paloma, Iriña Bailarina, ilust. Špela Trobec, Ferrol: Edicións Embora, col. “A igualdade conta”, 2013, [24 pp.], (ISBN: 978-84-92644-52-0).

Breve descrición do formato e contido. Iriña bailarina é un álbum ilustrado de tapa dura en formato 22x22 cm. Na cuberta destaca o título non só polo seu tamaño, senón tamén pola tipografía xeométrica seleccionada, posto que o “i” recorda a silueta dunha bailarina. O título do libro é o protagonista desta cuberta e está acompañado por unha bailarina cuxo corpo é un esbozo, namentres que a saia e mais unha caixa de música están realizadas coa técnica da colaxe nunha alusión ao xogo das bonecas de papel recortables para o caso da bailarina. As cores seleccionadas para estes elementos son interesantes, posto que o tutú está elaborado con follas de xornais e a caixa de música, con estampados de flores e cores cálidas, símbolos do propiamente feminino no imaxinario colectivo. Establécese, polo tanto, un interesante paradoxo entre a boneca e a caixa. No que respecta ao fondo desta cuberta, este é mocromático de cor azul, tradicional do propiamente masculino, polo que as antíteses entre elementos son unha constante. Os restantes elementos paratextuais da cuberta están presentes no inferior do álbum e pódese ver como a tipografía muda, xa que agora os nomes de ilustradora e autora están escritos de xeito que recordan a letra caligráfica infantil. Na contracuberta o elemento máis relevante é a sinopse do relato recreado. Ao abrir o libro, o lector atópase coas gardas, que se caracterizan por mostrar varias mazás en liña. Este patrón só se rompe de vez en cando con algúns pasteis. É interesante comentar que estes elementos terán a súa importancia na historia, polo que neste intre hai un elemento que avanza ao lectorado algo do que está a piques de acontecer, pero sen que este se decate. Ademais estes elementos están completamente descontextualizados: a priori non teñen nada que ver cos elementos da cuberta, o que actúa como chamada á lectura. Na portada podemos observar os mesmos elementos que na cuberta, pero esta repetición desaparece no momento no que nos decatamos de que a bailarina agora semella estar fuxindo, o que entendemos como un avance da historia e tamén unha invitación a pasar á seguinte páxina e iniciar así o conto. Xa no interior, é interesante o xogo tipográfico que se dá: a pesares de tratarse dunha letra sumamente limpa, gaña en dinamismo grazas aos diversos tamaños e cores que se empregan. Deste xeito, aquelas verbas ou oracións máis relevantes son grandes e vermellas, chegando a estar subliñadas. Outrosí nas páxinas nas que se fai referencia directa á bailarina, a disposición do texto recorda a silueta ou movemento destas e as cores que se empregan son cálidas, destacando especialmente o rosa, metáfora do feminino. Esta situación vai mudando a medida que o conto avanza, de xeito que canto máis se afonde na historia, máis diversidade de cores poderemos ver, establecéndose unha repetición entre imaxe e narración. O texto, enfiado a través dun narrador heterodiexético, relata a historia de Iriña, unha bailarina que vive na caixa de música máis bonita do mundo… Pero alí pasa o día dando voltas e mais voltas e só pode comer mazás, non vaia ser que a saia lle deixe de servir! A nosa protagonista pasa a meirande parte do día pensando en xogar a outras cousas, polo que buscará como conseguir que o seu desexo se faga realidade. Cómpre destacar que ilustración e texto chegan a conformar un binomio indisoluble e, nalgunha ocasión, faise preciso que o lector teña que recorrer ao texto presente na imaxe para poder completar a narración.

Potencialidades educativas. A través desta obra preténdese romper cos estereotipos de xénero que asignan uns determinados roles as nenas e outros os nenos. É dicir, procura a disolución das fronteiras entre o propiamente masculino e o feminino, deixándolles ás crianzas a posibilidade de elixir aquilo que máis lles gusta. Ademais a obra permite traballar as profesións ou a resolución de problemas de xeito creativo e os valores propios dunha cidadanía democrática como é a toma de decisións de xeito consensual.

Recursos de interese.
Canción da adaptación teatral da obra:

Etiquetas. Estereotipos, xénero, roles, bailarina, futbolista e igualdade.


Autoría. Rosalía (Mar Barros Couto, Sara Garrido Fernández, Sara González Guede e Haizea Lemos Alonso).

No hay comentarios:

Publicar un comentario