León Barreto, Martín, El
camino de Olaj, ilustr. Martín León Barreto, Pontevedra:
Editorial Kalandraka, 2011, [48 pp.], (ISBN 978-84-84647-68-3).
Breve descrición do formato e contido. Estamos ante un álbum ilustrado do autor Martín
León Barreto, de orixe uruguaia, editado no ano 2011. O autor é especialista no
deseño de coleccións e portadas de libros infantís e xuvenís. Recibiu o IV
Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado no ano 2011 e o The White
Ravens (Alemaña) no 2012. Este último premio está organizado pola
Internationale Jugendbibliothek (International Youth Library), que elabora un catálogo de máis de 200 títulos infantís e
xuvenís destacados pola súa temática, innovación artística, deseño, estilo
literario etc. O presente conto componse de 48 páxinas e está
recomendado para nenos/as de 3 anos adiante. Mostra unha cuberta e
contracuberta con encadernación de cartoné. As ilustracións sobresaen pola súa ampla
gama de cores vivas (azul, verde, amarelo, violeta…), así como polo emprego de
formas xeométricas. Esta proposta icónica de evocación surrealista recolle a
historia de Olaj, un principiño
que, farto da soidade, emprende unha viaxe polo seu pequeno planeta. Diversos
animais fantásticos de marcado valor simbólico iranlle facendo compañía e
conformando un grupo moi diverso: un peixe de cola ao revés, un cabalo alado,un
tigre arco da vella, un elefante elegante… Trátase dunha historia iniciática en busca de
compañía e amizade que se asenta en estruturas acumulativas que se reiteran e
conforman un camiño circular. A todos os animais que atopa Olaj pregúntalles se o acompañan, ata que,
ao final, se atopan cun vagalume en plena noite. A este, pola contra,
pregúntanlle se os guiaba a todos. Así os que comezaron sendo uns descoñecidos
e compañeiros de viaxe terminaron por ser bos amigos.
Potencialidades educativas. É un libro que destaca por utilizar un esquema
baseado en contos tradicionais por medio de rimas, xogo de contrarios, diálogo
reiterativo, oralidade … pero adaptados aos nosos tempos. Olaj fainos
partícipes dunha aventura a través do día e da noite, sobre a amizade e a
xenerosidade. Son valores que sempre están presentes e que nunca está de máis
traballar nas aulas. Trátase, xa que logo, dunha proposta que non nos
deixará indiferente tanto polo seu contido como pola súa estética e
orixinalidade das súas imaxes.
Recursos de interese.
O conto relatado:
Etiquetas. Cooperación,
solidariedade, amizade, soidade, fantasía, diversidade, xenerosidade, abandono,
viaxes, emocións, aventura.
Autoría. Xoubiñas (Sara Vázquez Montes, Cristina Vidal García e Nuria María Serodio Pérez).
No hay comentarios:
Publicar un comentario