Fernández Serrano, Jacobo, Os Maios, ilust. Jacobo Fernández Serrano, col. “Pimpín por aquí non vin”, Vigo: Editorial Galaxia, 2006, [14 pp.], (ISBN: 978-84-9865-152-2).
Breve descrición do formato e contido. Trátase dun libro-acordeón en cartoné de dimensións 16x16cm, no que as súas páxinas se van abrindo ata que queda totalmente despregado horizontalmente. En canto ao discurso visual, pola parte dianteira podemos observar unha soa imaxe que se estende por todas e cada unha das páxinas, é dicir, cada páxina é continuación da anterior. A imaxe mostra como é o día da festa dos Maios con todo detalle. Pola parte traseira cada páxina mostra algo diferente; en cada unha aparecen dúas imaxes acompañadas do artigo e da palabra que a designa, estes cunha letra en minúscula non moi intelixible e branca sobre cores vivas, que tamén están presentes na parte dianteira. Trátase de obxectos e persoas que se relacionan con esta festa: a bruxa, a toupa, o maio, os fiúnchos etc.
Nesta pequena historia recréase o día da celebración desta festividade, como se se tratase dunha fotografía tomada nun momento dese mesmo día: a xente colabora montando os Maios, cantan e bailan, disfrázanse, regalan xestas, xogan a perseguirse… Todos se mostran ledos e parecen gozar do momento. Xa do lado oposto, e como se mencionou anteriormente, móstranse diferentes obxectos e persoas destacables deste día, sen contar unha historia.
Potencialidades educativas. A través desta obra, pódense achegar á aula valores como a colaboración e a cooperación, posto que, como podemos ver na sucesión de imaxes, ninguén está traballando só, sempre hai alguén que o axuda. Tamén se podería traballar a amizade, debido a que se observan nenos pequenos e máis maiores xogando xuntos.
Autoría. Festeiras (Icía Domínguez, Irene González e Laura Juanatey)
No hay comentarios:
Publicar un comentario