martes, 10 de abril de 2018

O noso Samaín

Birott Bermejo, Loretta, O noso Samaín, ilust. Nuria Valdeón Balsas, Vigo: Editorial Galaxia, 2016, [28 pp.], (ISBN: 978-84-9865-738-8).

Breve descrición do formato e contido. Trátase dun álbum ilustrado en cartoné de dimensións 29,5x22cm. En canto ao discurso visual, podemos observar imaxes redondeadas e, dentro do fantasioso da historia, realistas. Predominan as cores escuras, xa que case toda a narración se desenvolve de noite, dando así unha maior sensación de tenebrosidade (recordemos que estamos a falar do Samaín), pero tamén atopamos unha gran presenza do laranxa, unha cor cálida. Así, a gama cromática non é moi ampla. En canto ao discurso textual, podemos observar que as letras, en minúscula, presentan sempre o mesmo tamaño, pero cambian de cor segundo o fondo sobre o que se escriban. Isto permite unha mellor lectura, reforzada ademais polo tamaño medio e a forma redondeada que presentan as letras.
O libro presenta unha viaxe pola historia da noite de Samaín, retrocedendo tempo atrás e descubrindo cal é a súa orixe. Pero, antes de comezar dita historia, unha clase de nenos e nenas está no patio á espera de que a súa mestra lles conte as historias desta noite tan especial. Así, comézase narrando a súa orixe celta e como e porque os celtas celebraban esta festividade. Isto dá lugar á narración de lendas sobre fadas e trasnos e sobre espíritos. Tamén se fai referencia ás diferentes tradicións que se tiñan segundo a zona de Galicia e o nome que asignaban aos farois que facían. A historia remata cos nenos desa mesma clase apañando castañas.

Potencialidades educativas. Con este libro podemos achegar aos máis pequenos un fragmento da historia de Galicia dunha maneira amena, ademais de introducilos nas lendas populares e seres mitolóxicos. Tamén nos pode dar pé a tratar as diferentes culturas presentes na Península ao longo da historia e, ademais, a abordar algo tan importante e que moitas veces se ten como tema tabú como é a morte.

Autoría. Festeiras (Icía Domínguez, Irene González e Laura Juanatey)


No hay comentarios:

Publicar un comentario