martes, 10 de abril de 2018

Tento e mailo Nadal

Alcántara, Ricardo, Tento e mailo Nadal, ilust. Gusti, col. “Tento”, Zaragoza: Editorial Edelvives, 2001, [32 pp.] (ISBN: 84-263-4601-4).

Breve descrición do formato e contido. É un conto de cartoné de dimensións 20x20 cm, que segue a mesma estrutura: o texto recóllese nunha páxina e na seguinte a ilustración correspondente. Os debuxos caracterízanse pola súa sinxeleza, inspiración realista e formas redondeadas, así como polas súas cores vivas e variadas que son substituídas polas frías, caso do azul, cando se produce un cambio na historia e esta alcanza a súa máxima tensión. O texto defínese pola súa brevidade e por estar escrito con letra minúscula, pero dun tamaño considerable e con formas redondeadas para facilitar a lectura do lectorado infantil ao que se dirixe. Nel o protagonista de toda a colección, o can Tento, experimenta a ilusión que se viven nas festas de Nadal, á vez que se recollen as emocións e sentimentos propios destas datas que tamén asolagan a outros animais; así, neste número vemos como Tento mostra ao longo da historia diferentes emocións.
A historia conta como Tento, un canciño que vive só, está ilusionado e ansioso pola noite de Nadal pois desexa con todas as súas ganas recibir os agasallos que pediu. Para iso escribe unha carta, mais cando a envía decátase de que se lle esqueceu pedir o que el máis quería: un patinete; así, a noite de Nadal está nervioso e desexando que Papá Noel o escoite e llo traia igualmente. A sorpresa de Tento é que, cando se levanta, ten o patinete debaixo da árbore.
Potencialidades educativas: Con este libro podemos achegar á aula as diferentes emocións que unha persoa pode experimentar, mesmamente, ao longo dun só día; pódense coñecer e pódese traballar con elas para saber xestionalas, como vemos que realiza Tento, posto que pese a estar triste por terse esquecido do patinete, intenta calmarse, buscar unha solución e agardar a ver o que pasa. Tamén nos da a posibilidade de traballar os animais, xa sexan domésticos ou salvaxes, vendo que coma nós, tamén senten.
Recursos de interese.
A obra lida por un neno en castelán: https://www.youtube.com/watch?v=uWCqP5fiPPc

No hay comentarios:

Publicar un comentario