Heras, Chema, Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis, ilust. Kiko Dasilva, col. “Demademora”, Pontevedra: Editorial Kalandraka, 1999, [40 pp.] (ISBN: 978-84-8464-612-9).
Breve descrición do formato e contido. Trátase dun álbum ilustrado en cartoné de dimensións 22x22cm. En canto ao discurso visual, obsérvase que se trata dunha proposta figurativa, na que a través de imaxes un tanto esaxeradas e distorsionadas, se pode seguir a historia recollida no texto. As cores predominantes son de tons escuros (negro, azul...), mais en cada páxina está presente o amarelo, unha cor que dá a sensación cálida e minimiza o frío das demais. No relativo ao discurso textual, móstrase en letras dun tamaño axeitado para a lectura en educación infantil, ás veces en negro sobre fondos claros e outras en branco sobre fondos escuros, permitindo deste xeito unha fácil lectura. Nun xogo de texto e imaxe, no caso das palabras “vermello”, “azul” e “amarelo”, empréganse estas cores para a súa representación. Trátase dunha proposta gráfica singular, na que tamén varía o emprego das maiúsculas e o tamaño dalgunhas palabras con respecto a outras para darlle maior énfase.
Nesta historia escrita por Chema Heras recréase unha das crenzas tradicionais da noite máis máxica para a infancia: “para que os Reis veñan, hai que durmir”. Baixo esta premisa o protagonista Martiño, como o resto dos nenos e nenas, sabe que ten que atrapar rápido o sono para non ver os Reis Magos e ser sorprendido polo regalo que máis ansía: unha locomotora. As ganas de mexar e as vicisitudes que ten que afrontar o neno para superar esta incómoda situación, non impiden que este ritual máxico se cumpra. Malia que os Reis non lle trouxeron todos os vagóns que el pediu, Martiño móstrase conforme ao ver que conta cun agasallo e non co tan temido carbón.
Potencialidades educativas. A través desta obra podemos traballar a conformidade pero dende o seu sentido máis positivo; é dicir, con este álbum ilustrado podemos ensinar ao alumnado que moitas veces non se pode ter o que realmente se quere e que, aínda sendo así, o que temos a cambio pode ser igual de bo e ás veces incluso mellor. Así, trabállanse a súa vez os caprichos, moi frecuentes nos nenos e nenas destas idades, facendo ver que con eles non se chega a nada, posto que nin imos conseguir o que queremos nin imos valorar o que temos no seu lugar.
Ademais, poténciase a ilusión coa que viven os nenos/as esta época, xa que en ocasións e por diversas situacións persoais, non todos poden gozala da mesma maneira.
Recursos de interese. Libro lido polo alumnado do colexio CEIP Coirón-Dena: https://www.youtube.com/watch?v=FLpvW-YsO-Y
Obra teatral representada: https://www.youtube.com/watch?v=XrIgajxSu4k
Conto montado por alumnado de 5 anos: https://www.youtube.com/watch?v=HlFuBBBI_rMAutoría. Festeiras (Icía Domínguez González, Irene González Ibáñez y Laura Juanatey Martínez)
No hay comentarios:
Publicar un comentario