Rivas, Manuel, Milu, ilustr. Aitana Carrasco, traducido por : Xosé Ballesteros, Pontevedra: Editorial: Kalandraka, col.”Maremar”, 2008, idioma galego, 48pp. (ISBN: 078-84-8464-735-5).
Breve descrición do formato e do contido da obra. Este álbum literario narra a historia dunha nena que se atopa nunha situación de desvantaxe social, porque a súa familia ten problemas de alcoholismo e depresión e non se poden facer cargo dela. Mostra a soidade que sente Milu e a incomprensión da súa situación familiar, a cal a leva a silenciar esta realidade vivida ata que entra en xogo a escola e os servizos sociais para buscar un lugar onde a cativa este ben atendida, onde a rapaza acaba nun centro de acollida.
Somérxenos no seu mundo imaxinario onde o seu refuxio e apego lle manteñen a esperanza dun cambio na súa vida, mediante a amizade que establece cunha televisión, que mais semella unha man a unha amiga a cal lle axuda a evadirse da súa situación diaria, e suple o amor e cariño que nese momento da súa vida está perdido. A nena tamén nos narra as súas experiencias vividas no centro de acollida ata que a súa familia se recupera e pode volver a facerse cargo da cativa.
Esta obra de discurso lineal preséntase a través dun discurso textual sinxelo, composta pola introdución narrada en terceira persoa, que nos axuda a mergullarnos na historia, o nó onde xorde o conflito do personaxe, e o desenlace onde se resolve o problema plantexado. Este relato tamén contén algunhas metáforas e algún verso. Ademais mestura a realidade coa ficción, mediante elementos imaxinativos dun mundo no que a cativa se somerxe. Por unha banda, a narración preséntase en terceira persoa e inclúe diálogos dos personaxes en primeira persoa. Existe un narrador heterodiexético que nos introduce na historia, narra o conflito e o pecha. A voz da protagonista expresa os seus e sentimentos, preocupacións e requirimentos. Mentres que a voz dos outros personaxes expresan os seus comportamentos erráticos, as preocupacións e reflicten as situacións difíciles que están a pasar. Por outra banda, o texto está estruturado con frases curtas, pero parágrafos longos que ocupan case todo espazo das follas as cales non conteñen ilustracións, sempre segue esta mesma estrutura. A letra é de imprenta, en minúscula e conta cun tamaño medio.
Trátase dun libro ilustrado de tapas duras encadernado en cartoné, de forma cadrada. Da ilustradora de “El viaje del bisabuelo” y “Los posos del café”. Este libro foi finalista do 3rd CJ Picture Book Awards 2010. Os debuxos son grandes e polo xeral ocupan toda a folla. As ilustracións son coloristas e mesturan estampados, gravados antigos e texturas, creando ambientes realistas con elementos oníricos. As imaxes son complementarias e acordes ao que se narra. As ilustracións son moi coidadas e conteñen moitos detalles con aspectos que suman e enriquecen a historia que se narra, amplían información, e mostran a crueza das situacións vividas, os momentos de ensoñación, refuxio, preocupacións, medos e as situacións que vai lle van acontecendo as personaxes da historia.
Potencialidades educativas. Esta historia serve para tratar o tema da familia en concreto un caso de dificultade social, cun contexto familiar adverso, polo que axuda a abordar esta problemática tanto coa familia coma co alumnado. Podemos tratar a soidade que senten as crianzas nas situacións difíciles e as emocións e sentimentos que lles xeran e que non saben expresar e visibilizar cara os demais. Neste conto faise visible como os problemas dos adultos lle afectan directamente aos cativos e cativas, nos que sempre se ven prexudicados. Tamén podemos traballar as emocións e sentimentos que causan as situacións que as crianzas non comprenden e que lles son difíciles de afrontar. Este libro e ideal para abordar o tema dos centros de acollida, e comentar o que son, e porque moitos nenos e nenas teñen que irse a vivir alí. Non nos podemos esquecer de ver o lado positivo desta historia que é a importancia da imaxinación e creatividade para sobreelevar e evadirse dos problemas que nos rodean, e a esperanza e superación dos mesmos.Tamén plasma as súas ilusións e a súa idea da felicidade.Temos que destacar que ante unha situación de dificultade deben comunicalo a un adulto para que lle brinde a súa axuda, aínda que teña medo o descoñecido e do que poda pasar nun futuro un tanto incerto.
Grupo conflitos persoais. (Nuria Castiñeira Rodríguez, Sandra Dapena Hortas, Sheila Domínguez Da costa, Carmen Eiras Conde, Sara Fernández Luna e Silvia Fraguas Juncal ).
No hay comentarios:
Publicar un comentario