miércoles, 11 de abril de 2018

Avós

Heras, Chema, Avós, ilust. Rosa Osuna, Pontevedra: Kalandraka Editora, col. “Demademora”, 2002, [36 pp.], (ISBN: 978-84-8464-533-7).

Breve descrición do formato e do contido. Álbum ilustrado de tapa dura e de 22x22 cm que foi Premio Llibreter en 2003, entre outros galardóns. A cuberta e contracuberta están divididas en varios cadrantes con cores frías como o gris e o azul, ademais das cálidas como o amarelo e o vermello. Na esquina inferior dereita da cuberta aparecen dous señores maiores que están a bailar: el gordo e cun chaleco azul, ela máis delgada e cun vestido amarelo e tacóns vermellos. Baixo eles está o nome da editorial, mentres que enriba, o da ilustradora e o do autor. Na parte superior e en letra moito máis grande apréciase o título da obra que é Avós, polo que podemos intuír que os señores son os protagonistas. Nesta cuberta pódese ver o debuxo dun gato, relevante ao ver que en todas as páxinas aparece algún animal cun propósito lúdico. Na contracuberta hai catro cadrantes de tamaños variados nos que se pode ver unha antítese entre o día e a noite, xa que está o sol e a lúa. Esta contraposición tamén se pode ver nas gardas -feitas a dobre páxina co fondo gris-, nas que nunha páxina hai unha lúa azul cunhas estrelas e na outra un sol amarelo con varias nubes. Na portada aparece o título exactamente igual que na cuberta, mais agora os anciáns só amosan as súas mans e parte do brazo, o que deixa ver as súas vestimentas. O home suxeita un algodón de azucre rosa sobre o que está o nome do autor, mentres a muller suxeita un globo amarelo ao carón do que está o nome da ilustradora. Polo fondo hai pingas de cores como o azul, amarelo, vermello e rosa, dándolle alegría á portada.

As ilustracións preséntanse a dobre páxina e posibilitan unha lectura visual paralela e complementaria con moito realismo e simbolismo; tamén representan movemento relacionado coa vida cotiá dos protagonistas. Podemos ver planos diferentes: a historia central está iluminada con cores vivas (azuis e amarelos), mentres que as outras secuencias amplían o relato recreando recordos e referencias simbólicas mediante esquemas e debuxos complementarios. Os personaxes presentan formas redondas que transmiten dozura e trazos da vellez sobre o rostro con toques de humor. Os debuxos están perfilados en liña negra, fina e cálida, procurando o volume mediante o claroscuro e as cores suaves. Vese a presenza de moitos animais non citados no texto, mais acentúan a riqueza visual da narración, o humor e o simbolismo.

Nesta obra cóntase a historia dun señor que está a traballar na horta cando oe anunciar unha festa para esa noite, polo que lle di á muller de ir. Ela négase dicindo que xa non é unha nena e comeza a enumerar todos os síntomas de vellez que presenta o seu corpo, ao que el lle responde con metáforas para animala e ir ao baile sen cambiar nada do físico. No referente á arquitectura textual obsérvase unha estrutura circular con repeticións, encadeamentos, acumulacións e un retrouso en todas as páxinas: “E fai o favor de apurar que temos que ir bailar”. Obsérvanse varias metáforas no referente ao físico da avoa. A lingua -adaptada aos lectores- alude aos campos semánticos do corpo (ollos e cabelo) e da natureza (sol e herba). Obsérvanse xogos semánticos antitéticos: día/noite; alegría/tristura; vellez/xuventude, o que aínda lle confire maior beleza ao texto posto na boca dun narrador heterodiexético, que se deixa acompañar da voz dos protagonistas. A súa intervención recóllese cunha letra de maior tamaño e aséntase en estruturas que seguen un mesmo esquema sintáctico para expoñer os seus sentimentos e perspectivas (sobre todo Manuel), mediante metáforas encadeadas.

Potencialidades educativas. A partir da lectura desta obra pódense traballar temas como a familia (os avós en concreto), a vellez, a emoción do amor e a súa continuidade ao longo do tempo e a igualdade de xénero. Aínda que este último tema quede máis oculto entre os outros, consideramos que se pode traballar a presión social -e ás veces da parella-, que sofren as mulleres de ter que saír ben vestidas e maquilladas á rúa e de conservar un bo físico, mentres que poucos homes se senten así.

Etiquetas. Xénero, vellez, avós, amor, beleza, estereotipos.


Autoría. Rosalía (Mar Barros Couto, Sara Garrido Fernández, Sara González Guede, Haizea Lemos Alonso).

No hay comentarios:

Publicar un comentario