lunes, 30 de abril de 2018

A caricia da bolboreta

Voltz, Christian, A caricia da bolboreta, ilust. Christian Voltz, trad. Emma Lázare. Pontevedra: Kalandraka, col. “Demademora”, 2008, [32 pp.], (ISBN: 978-84-8464-657-0).

Breve descrición do formato e contido. Este libro é un álbum ilustrado de tapa dura que chama moito a atención polas súas ilustracións, xa que son moi sinxelas e non estamos acostumados a velas porque están feitas de materiais como madeira, fío, metal… para dar unha sensación de relevo. Os propios nenos/as poderían crear os personaxes do libro na súa casa. A cuberta ten o fondo de cor rosa moi claro, dando sensación de tenrura e dozura. Aparece no centro o avó do conto, feito dos materiais ditos anteriormente: úsase unha pataca para o nariz, un anaco de madeira para o corpo, unha vara de metal en forma circular para a cabeza, uns botóns para os ollos, fío para o pelo e ademais ten na man un garfo que equivale a un angazo para poder traballar na terra. Tamén aparecen os datos mais importantes do libro (título, autor e editorial). As gardas están formadas por un fondo de terra marrón, que está moi relacionado co relato da historia, xa que un dos temas principais é a morte, e tanto o neto como o avó especulan onde pode estar a súa avoa falecida. En canto ao texto, este é moi breve e a letra ten diferentes tamaños para destacar o máis importante de cada frase. O libro cóntanos a historia dun avó e un neno que van ao campo a traballar e recordan a súa avoa que faleceu e din que, aínda que non estea fisicamente con eles, estea onde estea sempre os vai axudar e apoiar en todo.

Potencialidade educativas. Con este libro pódese tratar o tema do amor e o cariño cara aos seres queridos (neste caso, cara aos avós), así como o tema dos traballos de campo que realizan o avó mais o seu neto (como regar as sementes, as patacas, plantar unha cerdeira…). Outro dos temas principais e co que se pode traballar nunha aula é o tema da morte dun ser querido, un tema do que se acostuma a fuxir, pero que é necesario tratar se queremos educar emocionalmente o alumnado de infantil.

Autoría. Amorosiñas (T. Alfaya, R. Castro e P. Collazo).

No hay comentarios:

Publicar un comentario