domingo, 25 de marzo de 2018

El buen lobito


Shireen, Nadia, El buen lobito, Bruño, col. “Cubilete” 2013 [32pp.]
(ISBN: 978-84-216-8965-3)

Breve descrición do formato e o contido. Este libro amósanos como o protagonista, o bo lobiño, é amigo de todos os animais e tamén da vella avoíña. El é feliz pensando que é un lobo, ata que un día topa cun lobo dos malos que o fai dubidar, pois segundo el os lobos de verdade teñen que facer cousas como ouvearlle á lúa, tirar casas con sopridos ou comer xente. O bo lobiño non fai ningunha destas cousas e comeza a dubidar de se realmente é un lobo, pero, cando atopa que a avoíña está en perigo, demostra que el tamén é un lobo de verdade.

A voz narradora conta a historia dende a terceira persoa neste álbum literario, a través da cal se recolle a transformación do autoconcepto do lobo, dende o convencemento, pasando pola dúbida, ata chegar á reafirmación e demostrar que cadaquén elixe a súa forma de ser. Con isto rompe co clásico estereotipo de lobo malo que se deu tradicionalmente nos contos clásicos. O texto preséntasenos en frases curtas e cunha letra mediana, que xoga coa súa posición e a combinación de maiúsculas e minúsculas para resaltar as palabras chave. O seu vocabulario é sinxelo e caracterízase pola forza das ideas que transmite e que a converten nunha obra axeitada para nenos e nenas de tres anos en diante.

A cuberta amosa o protagonista no centro da páxina camiñando despreocupadamente, mentres que ás súas costas, no recanto superior, intúese a presenza do antagonista (o fociño e as garras do lobo malo). O título semella estar escrito con la, o que enfatiza o feito de que o animal protagonista é un lobo bo, xa que se trata dun material co que xogan os gatos ou cans domésticos e se caracteriza pola súa textura cálida e suave. Os debuxos interiores son sinxelos e de trazo redondeado, e acompañan o texto representando accións, de xeito que o complementan e mesmo o substitúen nalgunha ocasión, o que facilita e dinamiza a lectura A maioría das páxinas presentan un fondo branco, aínda que algunhas amosan paisaxes que axudan a situar as actuacións.

Potencialidades educativas. Esta obra serve para amosar que cadaquén elixe a súa forma de ser, aínda que non se adapte aos moldes preestablecidos ou ao que outros agardan. Non todos somos iguais e cadaquén ten que confiar en quen é e en quen pode chegar a ser.

Recursos de interese.
Obra dixitalizada:

As pegadas (Jorge Fernández, Nuria Fernández, Tamara Duarte, Alba Corredoira, Carolina Ramiro, María C. Conde)

No hay comentarios:

Publicar un comentario