Mostrando entradas con la etiqueta lobo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta lobo. Mostrar todas las entradas

martes, 27 de marzo de 2018

Tío lobo

Ballesteros, Xosé (adapt.), Tío lobo, ilust. Roger Olmos, Pontevedra: Kalandraka Editora, col. “O contos do trasno”, 2014, [32 pp.], (ISBN:978-84-846-4042-4).

Breve descrición do formato e contido. Álbum ilustrado de tapas duras que acolle unha historia, na que a mentira asume o protagonismo central. Un narrador en terceira persoa preséntanos a Carmela, unha nena moi larpeira, a quen o Tío Lobo lle pide unha proba das chulas a cambio de prestarlle unha tixola. A nai da nena mandoulle as chulas, unha botella de viño e pan de millo, aínda que Carmela, levada polo seu voraz apetito, papou todo polo camiño. Malia tentar enganar a Tío Lobo, este decatouse da trampa e ameazouna con visitala pola noite para comela. A diferenza dos contos tradicionais, nesta ocasión, a nena saberá como se pagan as mentiras.

Esta historia de aprendizaxe recolle na cuberta o elemento detonante dos feitos narrados dun xeito moi suxestivo, ao representar unha tixola con forma de lobo, que ten continuidade na contracuberta. O carácter medoñento dos contos protagonizados por lobos tamén se advirte nas gardas de cores escuras, que se contrapoñen á imaxe colorida da nena recollida na portada. Estes tons chamativos mantéñense na sucesión das imaxes deste álbum, que nos ofrecen unha lectura visual complementaria e enriquecedora do texto. Estas imaxes ocupan as dúas páxinas dunha forma continua e ofrecen múltiples xogos de perspectivas e tamaños, sobresaíndo entre elas as figuras dun inmenso lobo e as da nai e as da nena, cuxo cabelo parece ser o seu elemento máis característico. Úsase o mesmo tipo de letra para reproducir esta historia de final sorprendente, que se recolle nun tamaño superior de no seu remate inesperado, pero que non deixa de ser unha consecuencia da actitude irresponsable de Carmela.


Potencialidades educativas. Esta proposta narrativa permítenos abordar a mentira e as súas consecuencias a partir duns personaxes moi familiares para a infancia. Tamén nos ofrece a posibilidade de realizar lecturas ou representacións dramáticas, así como tratar outros temas como é a gula e a non capacidade de asumir as responsabilidades. 

Recursos de interese.
Dramatización do conto:

Contacontos e actividade en gran grupo: 

Autoría. Contistas (A. Martínez (P), A. Ramiro, N. Reyes, B. Sierra).

domingo, 25 de marzo de 2018

El buen lobito


Shireen, Nadia, El buen lobito, Bruño, col. “Cubilete” 2013 [32pp.]
(ISBN: 978-84-216-8965-3)

Breve descrición do formato e o contido. Este libro amósanos como o protagonista, o bo lobiño, é amigo de todos os animais e tamén da vella avoíña. El é feliz pensando que é un lobo, ata que un día topa cun lobo dos malos que o fai dubidar, pois segundo el os lobos de verdade teñen que facer cousas como ouvearlle á lúa, tirar casas con sopridos ou comer xente. O bo lobiño non fai ningunha destas cousas e comeza a dubidar de se realmente é un lobo, pero, cando atopa que a avoíña está en perigo, demostra que el tamén é un lobo de verdade.

A voz narradora conta a historia dende a terceira persoa neste álbum literario, a través da cal se recolle a transformación do autoconcepto do lobo, dende o convencemento, pasando pola dúbida, ata chegar á reafirmación e demostrar que cadaquén elixe a súa forma de ser. Con isto rompe co clásico estereotipo de lobo malo que se deu tradicionalmente nos contos clásicos. O texto preséntasenos en frases curtas e cunha letra mediana, que xoga coa súa posición e a combinación de maiúsculas e minúsculas para resaltar as palabras chave. O seu vocabulario é sinxelo e caracterízase pola forza das ideas que transmite e que a converten nunha obra axeitada para nenos e nenas de tres anos en diante.

A cuberta amosa o protagonista no centro da páxina camiñando despreocupadamente, mentres que ás súas costas, no recanto superior, intúese a presenza do antagonista (o fociño e as garras do lobo malo). O título semella estar escrito con la, o que enfatiza o feito de que o animal protagonista é un lobo bo, xa que se trata dun material co que xogan os gatos ou cans domésticos e se caracteriza pola súa textura cálida e suave. Os debuxos interiores son sinxelos e de trazo redondeado, e acompañan o texto representando accións, de xeito que o complementan e mesmo o substitúen nalgunha ocasión, o que facilita e dinamiza a lectura A maioría das páxinas presentan un fondo branco, aínda que algunhas amosan paisaxes que axudan a situar as actuacións.

Potencialidades educativas. Esta obra serve para amosar que cadaquén elixe a súa forma de ser, aínda que non se adapte aos moldes preestablecidos ou ao que outros agardan. Non todos somos iguais e cadaquén ten que confiar en quen é e en quen pode chegar a ser.

Recursos de interese.
Obra dixitalizada:

As pegadas (Jorge Fernández, Nuria Fernández, Tamara Duarte, Alba Corredoira, Carolina Ramiro, María C. Conde)