González, José Manuel (Oli), Once damas atrevidas, ilust. Helle Thomassen, Pontevedra: Kalandra, 2004, [32 pp.], (ISBN: 978-84-8464-085-1).
Breve descrición do formato e contido. Este álbum trata sobre unha viaxe a través do mundo que fan as nosas protagonistas, as once damas atrevidas representadas cunhas imaxes cargadas de humor. Ao longo desta experiencia, en cada parada queda unha das viaxeiras, restándolle así progresivamente unha dama ao grupo, ata que finalmente se acaba a viaxe nas terras galegas. Son innumerables as visitas que fixeron por todo o mundo. Que partes coñecerían as nosas protagonistas? En relación aos aspectos formais, podemos dicir que a obra ten tapa dura e que na súa cuberta aparecen representadas as once damas nas súas motos. Ademais o título está escrito cunha letra bastante peculiar e divertida. As ilustracións son debuxos pintados coa técnica da acuarela, con cores moi rechamantes e que ocupan por completo as páxinas. Estes debuxos facilitan a comprensión da historia, xa que escenifica os lugares que visitan, aínda que tamén é necesario dicir que resulta difícil identificar que damas atrevidas continúan a viaxe e cales se perderon durante o traxecto. Ademais fai un grande uso de rimas, o que lle dá moita musicalidade ao texto. No tocante á tipografía, podemos dicir que se emprega o mesmo tipo de letra que o título e que é de gran tamaño e homoxénea. As palabras que fan referencia aos números atópanse en negra e maiúsculas. Con todo, pensamos que o tipo de letra non é o máis acertado, xa que pode chegar a ser complicado de entender para os lectores máis pequenos.
Potencialidades educativas. Este conto é adecuado para tratar a diversidade cultural e outras cuestións como son os números. Coa imaxe subversiva e rupturista que se dá destas mulleres que viaxan en moto, tamén se están a romper estereotipos de xénero, xa que estas mulleres son aventureiras e arríscanse a vivir novas peripecias.
Recursos de interese.
Conto en vídeo:
Autoría. As pegadas (Jorge Fernández, Nuria Fernández, Tamara Duarte, Alba Corredoira, Carolina Ramiro e María C. Conde).
No hay comentarios:
Publicar un comentario