Portada:
Grios, Eli, Mulleres Bravas na nosa
historia: María Victoria Moreno, ilustr. Eva Agras, Galicia. Urco Editora, col.
“Mulleres bravas”, 2017, 15 pp. (ISBN: 978-84- 16121-63-2).
Breve descrición do formato e contido. Aquí están e son xeniais, un grupo de mulleres
importantes que chegan a nós a través da colección “Mulleres bravas”. Unha
formidable recompilación das historias de mulleres que conseguiron grandes
cousas e non, non lonxe. Aquí, en Galicia e non, non hai moitos anos. Hai uns
poucos nada máis, como é o caso de María Victoria Moreno, profesora de
literatura e escritora de libros infantís e xuvenís á que se lle dedica este
ano o Día das Letras Galegas. Cóntasenos como superou momentos tan duros como a
posguerra, empregando a literatura como refuxio para, máis tarde, mergullarse
nela de forma profesional coa axuda de autores como Dámaso Alonso e Rafael
Lapesa, profesores seus na universidade. Non só se interesou pola literatura.
Licenciada en filoloxía, sempre amosou un interese especial polas linguas
minoritarias. Entre elas, o galego, tanto que a súa obra está escrita nesa
lingua, sendo ela nada en Cáceres. O libro destaca tamén o seu labor como
docente introducindo as emocións para cos seus alumnos nas aulas, razón pola
que aínda a recordan hoxe. Ao final o volume trae unha serie de actividades moi
divertidas. Nun inicio centradas en María Victoria Moreno para, posteriormente,
abrirse a outras autoras galegas. Animádesvos a participar?
Os debuxos deste libro ilustrado abranguen case toda a
páxina. O texto, que vai enmarcado cun fondo de cor, acompáñase dunha imaxe que
nos dá unha idea sobre as distintas facetas da vida de Mª Victoria. Son
figuras sinxelas, feitas con liñas pouco definidas e con escasos detalles. Mesmo
os fondos son sinxelos. En canto ás cores, son uniformes con algún sombreado
ocasional. A figura de María
Victoria conserva os trazos característicos que a representan (dentes, lentes,
sombreiro e o seu peculiar peiteado) de forma que as crianzas a poidan
identificar despois nunha imaxe real. Na cuberta amósase a protagonista nun
coche, cunha actitude moi desenfadada. Non é así no interior. Este amosa de
forma xeral unha persoa moi sensible e comprometida, en momentos tan
importantes como os que vivía nas aulas, por exemplo. Nunha das imaxes aparece
axudando unha alumna con moita dedicación e paciencia. Na parte de atrás
aparece outro dos seus alumnos, esperando impaciente a ensinarlle algo á súa
profesora. Esta imaxe recolle moitas cousas interesantes. Destaca tanto a súa
personalidade como o seu quefacer educativo: como ela se involucraba no seu
oficio e como valoraban iso os seus alumnos.
Potencialidade educativa. Esta proposta literaria convida
a indagar sobre autoras e
autores galegos a partir do Día das Letras Galegas. Non só deles como
escritores/as, se non que tamén cara ás súas obras. Podemos atender a isto de
forma cultural e de forma literaria para coñecer as diferentes formas nas que
se pode amosar a literatura para, finalmente, animar o noso alumnado a facer as
súas primeiras creacións literarias, sexa de forma profesional ou de forma
persoal para “refuxiarse” como Mª Victoria o facía e poder desenvolver unha
introspección sa. Ambas cousas son moi importantes para as persoas e o mellor é
comezar desde a Escola Infantil.
Recursos educativos:
Vídeo resumo sobre a literatura galega e a vida da
protagonista (feito por nenos): https://www.youtube.com/watch?v=-Bqz4fKc2fI
Páxina sobre literatura para nenos:
Páxina “crea o teu
propio conto”:
No hay comentarios:
Publicar un comentario