Mostrando entradas con la etiqueta Letras Galegas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Letras Galegas. Mostrar todas las entradas

martes, 1 de mayo de 2018

María Mariño, Cantiga da costureira poeta


Imaxe da portada:


Agrelo, Xosé, Cantiga da costureira poeta: María Mariño, ilustr. Alfonso Costa, Noia/Santiago de Compostela: Editorial Toxosoutos/Consellería de Cultura e do Deporte (Xunta de Galicia), 2007, 31 pp. Recuperado da Biblioteca Publica de Sanxenxo.

Breve descrición do formato e contido. Con motivo do día das letras galegas 2007, a Xunta de Galicia impulsou esta pobulicación divulgativa que contén a vida de María Mariño contada a través das rimas, emulando a escrita da poeta. O seu corpus creativos está expresado dun xeito subxetivo coa frecuente inclusión de elementos emocionais como son os alcumes. Así podemos coñecer que “a Fiscala” era o alcume co que todo o mundo coñecía a María. Trátase dun libro ilustrado de tapa fina e de tacto suave que fai agradable o seu uso. Relata como comezou sendo unha costureira, ao igual que súa nai -“Costureira por herdanza”- e, pouco a pouco, se foi introducindo na literatura bebendo sobre todo na fonte poética de Rosalía de Castro. Os feitos evocados non se desvían da súa vida que estivo marcada por desgraz das que podemos destacar dúas: a guerra civil vivida no País Vasco e a morte dun fillo. Non obstante, non todo foron tristezas, porque conseguiu topar o amor, o que lle permitiu conservar a esperanza e a calma. Xa afincada no Courel, comeza a escribir continuada e profesionalmente. De forma conclusiva engádense dous poemas de María Mariñono, nos que se aprecian tanto as influencias de Rosalía como a extrema sensibilidade que a caracterizan. En canto ás ilustracións, cómpre mencionar que ocupan toda a páxina e son fieis ao texto. Non son moi diáfanas, desfanse e algunhas veces inclúen colaxes que rompen un pouco a harmonía da historia. Entremesturan diversas cores e texturas que non permiten distinguir as formas dos fondos dun xeito claro, mesmo ás veces só son garabatos de cores para encher a páxina. Xógase moito coas emocións, de aí que, cando se comenta a morte do fillo de María Mariño, a este píntano de branco e á nai e ao seu marido de negro intentando, inutilmente, facer forzas por non separarse del. Toda unha imaxe cargada de sentimento que fai remover as emocións. O que mellor que se distingue nos debuxos é o rostro de María Mariño, moi expresivo e xeralmente sorrinte. O exemplo máis claro é a portada, onde aparece un retrato da protagonista co título do seu nome en letras moi grandes, tamén con cores moi dispersas que non deixan que te esquezas do nome desta muller.

Potencialidades educativas. Entre as diversas potencialidades educativas que destacamos deste libro ilustrado, están o traballo sobre a vida de María Mariño e a indagación sobre outros autores/as galegos. Podemos incidir sobre a poesía porque, ademais de ser a ferramenta da autora, é a ferramenta da propia obra coa que pedirlles aos nenos e nenas que intenten crear algunhas poesías. Así mesmo, podemos traballar sobre as ilustracións, pedíndolles que as describan ou as recreen con diversas técnicas. A situación na que se expoñen permite que este último sexa un campo moi amplo onde desenvolver moita creatividade.


Recursos de interese.
Blog sobre María Mariño e outras autoras:
Vídeo sobre diferentes formas de pintar: https://www.youtube.com/watch?v=gHNfmy2s_Qw


Autoría. Mulleres na historia (Andrea García Revuelta, Helena Lemiña, Paula Rey Diz e Mª Cristina Vidal Martínez).




Mulleres bravas: María Victoria Moreno.


Portada:













Grios, Eli, Mulleres Bravas na nosa historia: María Victoria Moreno, ilustr. Eva Agras, Galicia. Urco Editora, col. “Mulleres bravas”, 2017, 15 pp. (ISBN: 978-84- 16121-63-2).

Breve descrición do formato e contido. Aquí están e son xeniais, un grupo de mulleres importantes que chegan a nós a través da colección “Mulleres bravas”. Unha formidable recompilación das historias de mulleres que conseguiron grandes cousas e non, non lonxe. Aquí, en Galicia e non, non hai moitos anos. Hai uns poucos nada máis, como é o caso de María Victoria Moreno, profesora de literatura e escritora de libros infantís e xuvenís á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Cóntasenos como superou momentos tan duros como a posguerra, empregando a literatura como refuxio para, máis tarde, mergullarse nela de forma profesional coa axuda de autores como Dámaso Alonso e Rafael Lapesa, profesores seus na universidade. Non só se interesou pola literatura. Licenciada en filoloxía, sempre amosou un interese especial polas linguas minoritarias. Entre elas, o galego, tanto que a súa obra está escrita nesa lingua, sendo ela nada en Cáceres. O libro destaca tamén o seu labor como docente introducindo as emocións para cos seus alumnos nas aulas, razón pola que aínda a recordan hoxe. Ao final o volume trae unha serie de actividades moi divertidas. Nun inicio centradas en María Victoria Moreno para, posteriormente, abrirse a outras autoras galegas. Animádesvos a participar?
Os debuxos deste libro ilustrado abranguen case toda a páxina. O texto, que vai enmarcado cun fondo de cor, acompáñase dunha imaxe que nos dá unha idea sobre as distintas facetas da vida de Mª Victoria. Son figuras sinxelas, feitas con liñas pouco definidas e con escasos detalles. Mesmo os fondos son sinxelos. En canto ás cores, son uniformes con algún sombreado ocasional. A figura de María Victoria conserva os trazos característicos que a representan (dentes, lentes, sombreiro e o seu peculiar peiteado) de forma que as crianzas a poidan identificar despois nunha imaxe real. Na cuberta amósase a protagonista nun coche, cunha actitude moi desenfadada. Non é así no interior. Este amosa de forma xeral unha persoa moi sensible e comprometida, en momentos tan importantes como os que vivía nas aulas, por exemplo. Nunha das imaxes aparece axudando unha alumna con moita dedicación e paciencia. Na parte de atrás aparece outro dos seus alumnos, esperando impaciente a ensinarlle algo á súa profesora. Esta imaxe recolle moitas cousas interesantes. Destaca tanto a súa personalidade como o seu quefacer educativo: como ela se involucraba no seu oficio e como valoraban iso os seus alumnos.
Potencialidade educativa. Esta proposta literaria convida a indagar sobre autoras e autores galegos a partir do Día das Letras Galegas. Non só deles como escritores/as, se non que tamén cara ás súas obras. Podemos atender a isto de forma cultural e de forma literaria para coñecer as diferentes formas nas que se pode amosar a literatura para, finalmente, animar o noso alumnado a facer as súas primeiras creacións literarias, sexa de forma profesional ou de forma persoal para “refuxiarse” como Mª Victoria o facía e poder desenvolver unha introspección sa. Ambas cousas son moi importantes para as persoas e o mellor é comezar desde a Escola Infantil.

Recursos educativos:
Vídeo resumo sobre a literatura galega e a vida da protagonista (feito por nenos): https://www.youtube.com/watch?v=-Bqz4fKc2fI

Páxina sobre literatura para nenos:

Páxina “crea o teu propio conto”:


 Autoría. Mulleres na historia. (Andrea García Revuelta, Helena Lemiña Gómez, Paula Rey Diz e Mª Cristina Vidal Martínez).