Núñez, Marisa, Chocolata, ilust. Helaga Bansch, Pontevedra: OQO, 2006, [36 pp.], (ISBN: 9788498714838).
Breve descrición do formato e contido. Tras escoitar que na cidade hai uns moi bos baños termais, a hipopótama Chocolata decide ir probalos. Durante a súa viaxe, ademais de ir aos baños, vai a un restaurante, a un hotel, a unha tenda de roupa etc. A pesar de que nada está feito á súa medida ou tamaño e de que toda comida é escasa, ela non se deprime nin cambia a súa maneira de ser. Chea de satisfacción pola experiencia vivida, cando regresa ao seu hábitat dáse de conta de que alí se está moito mellor. Respecto aos aspectos formais, cabe destacar que este álbum ten tapa dura e a súa cuberta xa nos presenta a protagonista principal cunha postura e vestimenta moi simpáticas. As súas gardas amosan a imaxe dunha maleta e do amigo mono de Chocolata, o que suxire que a historia vai sobre unha viaxe. As ilustracións interiores sobresaen polas súas cores de tons pasteis e rosas, así como pola combinación de diferentes planos e secuencias que nos permiten acompañar a Chocolata nesa viaxe á cidade desde a sabana africana, que se caracteriza polas novas experiencias focalizadas desde o humor e os xogos intertextuais coa propia obra. É esta unha exquisita mostra literaria e ilustrativa sobre o valor da autoestima, cuxa grafía se relaciona moi estreitamente co contido da historia. Así os pensamentos, comentarios ou anécdotas aparecen escritos en cursiva e os diálogos en letras máis grandes e en nega.
Potencialidades educativas. Este relato é moi propicio para traballar a autoestima, a aceptación dun mesmo, os prexuízos, a interculturalidade, a diversidade e logo, dunha maneira máis secundaria, as rutinas do día a día, o aseo propio e os animais.
Recursos de interese
Conta contos online:
Stopmotion de plastilina:
Autoría. As Pegadas (Jorge Fernández, Nuria Fernández, Tamara Duarte, Alba Corredoira, Carolina Ramiro e María C. Conde).
No hay comentarios:
Publicar un comentario