miércoles, 11 de abril de 2018

Rosa Caramelo

Turín, Adela, Rosa caramelo, ilust. Nella Bosnia, trad. G. Tolentino, Pontevedra: Kalandraka Editora, col. A favor de las niñas, 2012 [36 pp.], (ISBN: 978-84-8464-798-0).

Breve descrición do formato e do contido. Álbum ilustrado de tapa dura de 21,5x27 cm, no que na cuberta se pode apreciar un debuxo de tres elefantes grises e un rosa, todos eles sobre a herba. No ceo vense os nomes da autora e da ilustradora e o título do álbum, na mesma cor rosa que o elefante do debuxo. A contracuberta é branca e nela obsérvanse dúas partes: arriba hai seis frases que falan da colección á que pertence o libro, facendo referencia á necesidade de continuar traballando con coleccións referentes á coeducación e á igualdade; na parte inferior sobresae o colorido, xa que hai moitas flores rosas e laranxas debuxadas, cos seus talos e follas verdes e insectos con cores como o azul, o violeta, o amarela e o negro. O lombo e as gardas son lisas e de cor rosa, dando así pé á intriga e á imaxinación. Na portada interior volven aparecer os nomes de autora e ilustradora e o título da obra; no centro pódese ver un elefante gris claro que é de supor que é unha cría ao non ter os cairos que tiñan os da portada e ao ter unha cara máis doce.

Este álbum conta con corenta páxinas. As referentes á historia teñen o fondo branco, sobre o que se pode ver o texto escrito nunha tipografía tradicional, en cor negra e cun aspecto arredondado que proporciona dozura. Este texto distribúese no espazo que deixan libres os debuxos -grandes e coloridos-, mais non se ve sobrecargado visualmente porque as frases longas preséntanse en varias liñas dando lugar a unha boa lectura. Algunhas frases rematan con puntos suspensivos nunha páxina, estando o seu final na seguinte folla; deste xeito as ilustracións poden responder sempre ao texto que aparece. O narrador é heterodiexético, xa que é el quen conta toda a historia -presenta os protagonistas, introduce o conflito, conta como se resolve e pecha o relato- e a súa voz vese acompañada e reforzada por tres intervencións de dous dos personaxes.

Esta obra conta a historia dunha manada de elefantes, na que todas as femias deben ter a pel de cor rosa caramelo e os ollos grandes e brillantes, posto que desde que nacen viven nun valado, no que só comen anémonas e peonias, plantas que lles fan ser tan fermosas e rosadas coma os seus pais queren. Mais Margarita é unha pequena elefanta que non consegue ser de cor rosa caramelo, polo que acaba tendo a liberdade que merece.

Potencialidades educativas. A partir da lectura deste álbum, traballaranse os roles de xénero coa posibilidade de analizar algúns estereotipos sexistas e a diferenciación dos espazos ocupados por nenos e nenas no parque, na aula, no patio e nos xogos. Poderanse traballar os valores, dereito de igualdade entre homes e mulleres e a loita e persistencia cara ao que se quere. Ademais dá a posibilidade de falar sobre animais e cores.

Recursos de interese
Contacontos Talia Teatro: 

Obra de teatro das familias de 5 anos do CEIP Cristo de las Misericordias: 

Obra de teatro das nais do CEIP Rodrigo Caro:


Etiquetas. Xénero, roles xénero, animais, dereitos, espazos, estereotipos.


Autoría. Rosalía (Mar Barros Couto, Sara Garrido Fernández, Sara González Guede, Haizea Lemos Alonso).

No hay comentarios:

Publicar un comentario