jueves, 12 de abril de 2018

Velliñas


Pita, Charo, Velliñas, ilustr. Fátima Afonso,
Pontevedra: OQO Editora, 2009, [ 40 pp.], (ISBN:978-84-9871-15097).







Breve descrición do formato e do contido. Neste álbum ilustrado nárrase a historia de Antea e Filipa, dúas velliñas que viven xuntas e, aínda que non teñen case nada, compárteno todo. A estas velliñas un día caeulles unha faba e de aí naceu unha árbore que chegou ata o ceo, pero esa árbore tiña algo alí arriba que creaba grandes manxares. Filipa caeu da árbore e as súas partes do corpo espalláronse. Posteriormente, Antea con moito agarimo comezou a montala de novo. Esta historia ten unha estrutura circular e está contada por un narrador heterodiexético, que presenta as personaxes e nos conta a súa historia, a partir dunha letra redondeada e dun tamaño mediano. Cando falan as protagonistas, as letras son de maior tamaño e están en negra, mentres que o seu pensamento aparece en negra e cursiva.

As ilustracións están a dobre páxina e nelas predominan as cores frías (sobre todo na personaxe de Filipa). A pesar de que se utilizan o amarelo e o vermello en Antea, faise dunha forma apagada, non son cores luminosas. Na caracterización das personaxes os rostros son redondeados con algúns trazos da vellez e o pelo branco que é o máis característico. A proposta icónica danos unha lectura paralela ao texto, que o complementa en moitos casos. Por exemplo, en todas as páxinas aparecen dous gatiños que semellan ser un de Filipa e outro de Antea, pero que no texto nunca se nomean.

Potencialidades educativas. Con esta obra poderemos traballar principalmente o tema de compartir, xa que vemos que, aínda que as velliñas non tiveran case nada, eran moito máis felices compartindo o pouco que tiñan. Este conto tamén nos permite traballar os diferentes tipos de familia, o agarimo, as persoas anciás e a amizade.


Recursos de interese:
Stop motion CEIP Plurilingüe de Andrade:




Grupo. Cabaciñas (Tania García Pereira, Noelia Gontad Saavedra, Janira Gil Lago, Emma Juncal Paredes e Laura Domínguez Álvarez).

No hay comentarios:

Publicar un comentario