domingo, 8 de abril de 2018

Avós



Heras, Chema, Avós, ilust. Rosa Osuna, Pontevedra: Kalandraka Editora, col. “Demademora”, 2002, [40 pp.], (ISBN 978-84-8464-533-7).

Breve descrición do formato e o contido. A través dun narrador en terceira persoa, neste álbum ilustrado cóntase a historia de Manuel e Manuela, dous entrañables avós, que se ven sorprendidos polo anuncio da celebración dun baile. A vella avoa sente que perdeu o brillo e a beleza propia da xuventude, polo que fai todo o posible para pórse guapa. Non obstante, o avó Manuel, coas súas palabras cheas de sensibilidade e amor, fai que a súa muller se acepte tal e como ela é co paso do tempo.
A historia segue unha estrutura circular, mediante encadeamentos, repeticións e acumulacións que dan lugar á musicalidade e favorecen o seguimento da lectura. Tamén son de citar os diálogos establecidos entre esta parella de avós, que se representa cunha letra en maior tamaño e recollen a expresión dos seus sentimentos a través de metáforas. O léxico empregado é sinxelo, destacando as palabras do campo semántico do corpo e da natureza tan próximo ao lectorado infantil.
O discurso narrativo insírese nunhas páxinas nas que as ilustracións o absorben todo. Nelas sobresaen as cores vivas que recobren unhas figuras de formas redondeadas que inspiran unha notable tenrura, así como os trazos propios da vellez que están adornados por unhas coloridas meixelas que evocan gran simpatía. A cuberta do libro está rechea de tinturas azuis e amarelas, tamén predominantes ao longo da proposta ilustrativa, que se encargan de encher de dinamismo a imaxe dos avós recollidas no bordo dereito, felizmente bailando. Na parte superior aparece o título en grandes letras e un gato que, como o resto de animais, só figuran a modo compositivo nas ilustracións, aínda que non asumen ningún protagonismo no texto verbal.
Avós conta con premios como Premi Llibreter (2003), Programa Nacional de Lectura de la Secretaría de Educación Pública de México, Mejores Libros de 2004 (Banco del Libro de Venenuela), Plan Nacional de Leitura (Portugal, 2008) e Programa Nati per Legere (Italia). Por iso, está traducido ao castelán, catalán, éuscaro, italiano, inglés, portugués, xaponés…

Potencialidades educativas. Esta obra serve para traballar cos máis pequenos e as máis pequenas o cariño e o respecto cara aos maiores. Ademais, cos campos semánticos que aparecen podemos aproximarnos ás partes do corpo ou a natureza. Cabe mencionar que este conto rompe cos estereotipos e os prexuízos tradicionais que acostuman asociarse coa vellez. Tamén ofrece moitas posibilidades para familiarizarse coas estruturas poéticas máis básicas.

Recursos de interese.
Audición do conto (en castelán):

Blog comentando o libro. Contén material didáctico:

Autoría. As Pegadas. (Jorge Fernández, Nuria Fernández, Alba Corredoira, María C. Conde e Carolina Ramiro).

No hay comentarios:

Publicar un comentario