Funke,
Cornelia, A princesa Sabela, ilust.
Kerstin Meyer, trad. María Xesús Bello Rivas, Vigo: Ed. Xerais, 2011 [32pp.]
(ISBN: 978-84-9914-212-8).
Breve descrición do formato e o
contido. Esta obra amósanos como a
protagonista, a princesa Sabela, decide deixar de ser princesa, xa que o atopa
moi aburrido. Unha princesa non pode facer nada soa, sempre ten algún criado
que a axude; non pode mancarse, nin emporcallarse, ten que sorrir sempre…
ademais, levar coroa dá dor de abeza, así que Sabela decide guindala ao
estanque. Isto anoxa moitísimo ao rei, de xeito que ordena que a súa filla
traballe nas cociñas e nos cortellos ata que vaia recuperala. As tarefas do
palacio, lonxe de facer mudar a opinión de Sabela, fana moi feliz.
A voz narradora conta a historia dende a terceira persoa
neste libro ilustrado, a cal nos relata tanto os estados de ánimo que acompañan
as situacións que vive Sabela coma a transformación que sofre o pensamento do
rei. Este comeza cunha reación de anoxo e rexeitamento, que se transforma en
resignación e tristura para, finalmente, chegar á tolerancia e comprensión. A
protagonista rompe co clásico estereotipo de princesa delicada e fráxil, en
favor da princesa traballadora e aventureira, que prefire subir ás árbores,
pelar patacas ou dar de comer aos porcos antes que quedar sentada entre
almofadas. O texto preséntasenos en parágrafos longos e apenas hai variacións
no tamaño da letra, as cales se empregan para recrear berros. O vocabulario é
sinxelo, maioritariamente relacionado coa vida do palacio: mobiliario, persoal,
estancias...
A cuberta amosa a protagonista orgullosa, vestida con roupa
de traballo e marchando do palacio, mentres o seu pai a olla anoxado e as
demais personaxes, con reprobación ou incredulidade. As gardas amosan un fondo
amarelo con raias verticais laranxas cunha coroa tirada no chan no centro da
páxina, anticipando o rexeitamento da protagonista. As ilustacións interiores
transcorren paralelas ao texto, sen interactuar con el. Presentan cores
rechamantes e recrean escenas recargadas na maioría dos casos, acorde ás
descricións do texto, que trasmiten a idea do bulicio e o ir e vir de xente
dentro do palacio.
Potencialidades educativas. Esta obra serve para traballar os diferentes gustos e
preferencias, así como os distintos estados de ánimo e, especialmente, para
tratar a aceptación dos demais. A idea principal que trasmite o texto é que
cadaquén é único e ten gustos e intereses propios, os cales hai que aceptar e
non impoñer un xeito de pensar, ser ou actuar polo feito de ser princesa,
príncipe, barqueira ou cociñeiro.
Recursos de interese.
Conto levado á aula:
Vídeo presentación do conto (castelán):
Autoría.
As pegadas (Jorge Fernández, Nuria Fernández, Tamara Duarte, Alba Corredoira,
Carolina Ramiro e María C. Conde).
No hay comentarios:
Publicar un comentario