Schomburg, Andrea, Un amigo como tú, ilustr. Sean Julian. Barcelona: Beascoa Editora, 2017. [32 pp], (ISBN: 978-84-488-4727-2)
Breve descrición do formato e do contido. Un amigo como tú é unha historia sobre un esquío e un paxaro que se coñecen, e rapidamente fanse amigos. Pouco a pouco, vanse decatando das grandes diferenzas que hai entre eles, como por exemplo, que o paxaro non pode trepar as árbores ou que tampouco come landras, pero iso non impide que sexan amigos.
A obra conta cunha estrutura tradicional (presentación, nó e desenlace), protagonizada polas dúas personaxes. A historia é contada por un narrador e tamén aparecen frecuentemente diálogos entre as personaxes.
As ilustracións céntranse nos dous protagonistas, que son representados dun xeito tenro grazas as cores cálidas que se empregan. Transcorre nun entorno natural, predominando as cores cálidas como o amarelo, o laranxa ou o marrón. Estas cores transmítenos a estación na que transcorre a historia, xa que estas son as cores que predominan no outono. Cara o final do libro, cando se fai de noite, o fondo é escuro, excepto a lúa e as personaxes. Xoga coas distintas luces que hai ao longo do día, amosando o paso das horas.
Potencialidades educativas. Ademais de traballar a amizade, pódense traballar temas como a solidariedade, os animais que viven no bosque, as estacións do ano, as diferenzas que existen entre cada un de nós, como lles sucede aos protagonistas da historia, as habilidades que ten cada un e o respecto cara os demais.
Recursos de interese. Esta obra foi publicada en 2017, polo que aínda non existen recursos para traballar na aula con este libro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario