lunes, 26 de marzo de 2018

Topito terremoto

Llenas, Ana, Topito terremoto, Barcelona: Editorial Beascoa, col. “Emociones, valores y hábitos”, 2007, 48 pp. (ISBN: 978-84-488-4790-6).

Breve descrición do formato e contido. Este álbum literario versa sobre o TDAH e o xeito en como administrar toda a enerxía por parte do individuo, a partir da aceptación da diversidade. Nel recóllese a historia do intrépido Topito Terremoto que, desde o intre no que esperta, fai esvaecer a tranquilidade do seu arredor polo seu carácter inquedo. As súas amizades nunca queren xogar con el e atribúenlle diferentes alcumes, mentres que a súa familia e profesora se preocupan por atopar solucións para resolver esta situación. O anuncio dun xornal lévaos a visitar a Maga do Bosque, quen logra canalizar a enerxía de Topito Terremoto. Agora sabe o que lle gusta e o motiva e é capaz de asumir as súas tarefas e responsabilidades.
Esta historia de estrutura lineal preséntase a través dun texto sinxelo, no que unha voz narrativa en terceira persoa de carácter contextualizador se entrecruza coas intervencións dos diferentes personaxes, que sosteñen a carga máis expresiva e se representan graficamente co trazado diferenciador dun lapis. A obra está editada nun formato cadrado (27 cm x 27 cm) e, desde a cuberta, xa se anuncia o emprego da técnica da colaxe que se observa no xogo das formas, tamaños e cores das letras e na combinación de diferentes materiais (cartón, papel, lapis...) para a construción da imaxe do protagonista e das súas accións. 
Este eclecticismo tamén se rexistra nas ilustracións interiores de gran tamaño que se representan desde diferentes planos e conxugan os debuxos a lapis con superposicións de materiais diversos que dan sensación de volume. As coidadas imaxes de toque cómico, cores varias e inspiradoras de movemento ofrecen detalles e aspectos que enriquecen a historia contada por un narrador heterodiexético. 

Pontencialidades educativas. Topito representa un caso de TDAH, polo que este álbum é de axuda a moitos docentes e proxenitores. A través da súa historia pódese traballar a empatía, a liberdade de expresión, a importancia de ter apoios e sobre todo a diversidade. Apréciase a incomprensión por parte da sociedade, en concreto a dos seus compañeiros e compañeiras de aula e a da súa profesora, xa que ninguén quere xogar con el por ser impulsivo, imperativo e raro. Tamén se manifestan como son os sentimentos daqueles que teñen este tipo de comportamentos, de aí que o protagonista amose a súa tristura, soidade e illamento. 
Con esta historia contribúese ao coñecemento do sentir daquelas persoas que se senten rexeitadas por seren diferentes. Pódese observar como as burlas teñen unhas consecuencias negativas e como fan sentir a persoa afectada. Isto facilita que o lectorado se poña na súa pel e xere empatía cara aos outros nas relacións sociais, propiciando que se muden pensamentos e comportamentos pechados por outros mais cívicos. Saliéntase a importancia de ser escoitado e axudado, ademais de incidirse en como isto inflúe de forma positiva na persoa que a recibe. 

Recursos de interese.
Blog con actividades: 

Grupo conflitos persoais (Nuria Castiñeira Rodríguez, Sandra Dapena Hortas, Sheila Domínguez da Costa, Carmen Eiras Conde, Sara Fernández Luna e Silvia Fraguas Juncal).

No hay comentarios:

Publicar un comentario