Gilson, Patrick, La estrella de Lea, ilustr. Claude K. Dubois, trad. Teresa Tellechea Mora, Madrid: Editorial SM, 2008, [30 pp.] (ISBN: 978-84-675-1779-8)
Breve descrición do formato e contido. Este álbum literario narra a historia dunha nena, chamada Lea, a cal está moi enferma de cancro, e morre pronto. Vivimos a súa experiencia a través do seu mellor amigo Bruno, o cal remata por visitala tódolos días no hospital para pasar bos ratos con ela. Finalmente a nena falece, pero grazas as estrelas do ceo, o seu amigo e a súa nai saben que sempre estará aí con eles cando miren cara arriba. Trátase dun libro moi realista, no que se pode ver como os que rodean as crianzas enfermas, viven este proceso, tanto os familiares, a escola, as amizades...
A historia conta cunha estrutura lineal, cun desenvolvemento, nó e desenlace. Presentase a través dun texto sinxelo, aínda que un pouco amplo, polo que este libro podería considerarse coma un libro de fronteira, axeitado para o último curso de infantil e o comezo de primaria. Nel a voz narrativa dun narrador heterodiexético en terceira persoa nos somerxe na historia, e se entrecruza coas intervencións das diferentes personaxes, as cales sosteñen a carga máis expresiva da historia, contando así cun texto dialogado. A obra está editada nun formato cadrado de tapa dura e, dende a cuberta, xa se poder deducir a temática do conto.
As ilustracións interiores son de tamaño medio cun predominio das cores cálidas, conxugándose na mesma folla imaxes complementarias co texto. Móstranse dende diferentes planos con trazos e pinceladas grosas, algunhas ocupando toda a folla, mentres que outras atópanse encadradas nun marco.
Pontencialidades educativas. A través deste conto poderíamos levar a aula unha temática tan complicada de abordar como é a da morte, neste caso por enfermidade. É importante traballar isto cos máis pequenos e pequenas, xa que, aínda que está considerado un tema tabú, e a pesar de ser unha circunstancia moi triste e dolorosa, forma parte do proceso vital. Por isto é axeitado traballalo dende as aulas de educación infantil, axudando aos máis pequenos e pequenas a aceptalo, comprendendo que, aínda que non podamos volver ver a unha persoa, esta poderá seguir sempre presente dentro de nós.
Ademais, a través desta obra tamén poderíamos traballar na aula o recoñecemento e expresión das emocións que van aparecendo ao longo do conto, así como o afrontamento de situacións difíciles e a resolución de conflitos. Xa que aparece o tema da amizade poderíamos tamén traballalo.
Grupo conflitos persoais (Nuria Castiñeira Rodríguez, Sandra Dapena Hortas, Sheila Domínguez da Costa, Carmen Eiras Conde, Sara Fernández Luna e Silvia Fraguas Juncal).
No hay comentarios:
Publicar un comentario