martes, 27 de marzo de 2018

Soy la muerte

Helland Larsen, Elisabeth, Soy la muerte, ilust. Marine Schneider, Granada: Barbara Fiore Editora, 2017, [48 pp.], (ISBN 978-84-15208-96-9).

Breve descrición do formato e contido. É este un conto ilustrado de tapa dura que, dun xeito simbólico, xa presenta na cuberta a protagonista central: a morte. Malia estar vestida cun traxe negro que fai referencia á traxedia, nun xogo de contrastes, aparece montando unha bicicleta rosa e está rodeada de flores de vivas cores. As ilustracións interiores aparecen a dobre páxina en cores pasteis e moitas delas están sobre un fondo branco, que deixa destacar os personaxes e obxectos deseñados cunha fina liña negra e recheos de cor. Nelas recréanse e amplifícanse os contidos recollidos nun texto que ocupa distintas disposicións na páxina e emerxe da boca do protagonista, a propia morte, que conta a súa historia en primeira persoa. A linguaxe empregada é poética e sinxela e recóllese nun texto que muda de cor para intensificar o peche desta historia que xira ao redor da visita que a morte lles fai aos animais, ás plantas, aos anciáns, aos nenos e incluso aos bebés non natos, para guialos na súa última viaxe e falarlles do amor, da vida, da morte e da relación que existe entre eles. Sobresae nesta proposta literaria-visual a caracterización desa personaxe tan temerosa como é a morte, pois é retratada como unha rapaza doce, amorosa e amable que vai sempre acompañada de flores, insectos e xoguetes para contrarrestar a escuridade coa que se adoita representar.


Potencialidades educativas. Esta obra permítenos traballar cos nenos/as o medo e as dúbidas ao redor da morte, así como o dó que se experimenta ante a perda dun ser querido. Nela a morte leva a seres humanos de diferentes idades, aos animais e ás plantas, feito que pode axudar a comprender que é un fenómeno natural e que todos podemos morrer en determinado momento. Tamén se fai referencia ao amor como un elemento esperanzador que vai máis alá da morte grazas ao que podemos recordar as persoas que falecen. A convivencia que se establece na presente historia entre a vida e a morte sitúanos ante un libro moi recomendable para tratar a educación emocional e a morte dentro da aula.


Autoría. Grupo Baleiras. (Irina Svetlana Bello González, Alessandra Bispo Portas, Judit Cerviño Malvido, Xiomara Laranxeiro Casás)

No hay comentarios:

Publicar un comentario