Fernández Paz, Agustín, Raquel ten medo, ilust. Mariña Seoane, Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. “Paseniño”, nº 17, 2004, [24 pp.], (ISBN: 978-84-9782-156-8).
Breve descrición do formato e contido. Un narrador en terceira persoa preséntanos a protagonista desta historia de medos, Raquel, unha nena que está na cama e non ten sono. As figuracións propias da infancia fanlle crer que no cuarto hai un monstro de longos brazos, un fantasma que vén polo aire, o ruído dun esqueleto e os ollos dun vampiro. Toda unha serie de seres medorentos que á aterran e aos que logra identificar grazas á axuda prestada por Tina, a súa irmá maior. Finalmente, logra tranquilizarse e prende no sono agarrada ao seu osiño Boliña.
O relato protagonizado por Raquel preséntase nun volume de tamaño 17 x 19 cm en rústica cosido a fío. Nas páxinas pares reprodúcese o sinxelo texto en letra caligráfica e en maiúscula, co propósito de axudar a aqueles que se inician no proceso lector, así como un debuxo que adquire animación ao pasar as páxinas con rapidez. Ao fío do texto, as páxinas pares inclúen unha grande ilustración identificativa desta historia de medos infantís, nas que se xoga con diferentes tipos de planos e se emprega a técnica da acuarela que se nutre de combinacións harmoniosas de tons. Esta obra foi merecente do VIº Premio Lecturas GALIX ao mellor libro ata 7 anos e como o mellor libro ilustrado no ano 2006.
Potencialidades educativas. A temática do conto ofrécenos a posibilidade de abordar os medos que pode provocar a noite nos máis pequenos e pequenas (as sombras, a escuridade..). Así mesmo, permite traballar aspectos vinculados coas relacións entre irmáns e a relevancia da axuda mutua para superar difíciles situacións. É, sen dúbida, unha obra recomendable para os que están a comezar a ler pola configuración e reprodución formal do texto, como sucede noutros títulos da colección “Paseniño”.
Autoría. Contistas (A. Martínez (P), A. Ramiro, N. Reyes, B. Sierra).
No hay comentarios:
Publicar un comentario