viernes, 23 de marzo de 2018

Non é fácil, pequeno esquío

Ramón, Elisa, Non é fácil pequeno esquío, ilust. Rosa Osuna, trad. Marisa Núñez, Pontevedra: Editorial Kalandraka, col. “Demademora”, 2003, [40 pp.], (ISBN: 978-84-8464-183-4)



Breve descrición do formato e contido. Neste álbum ilustrado a imaxe que se nos mostra na cuberta é a do noso protagonista, o pequeno esquío, que se amosa moi triste sentado no chan e ante un fondo de figuras en tons grises que representan a natureza que o rodea. No seu interior atopamos ilustracións en tons suaves e sobre todo cálidos, que están riscadas cunha fina e irregular liña de lapis e semellan estar coloreados con ceras ou acuarelas. O texto acostuma ocupar a franxa inferior da páxina e garda relación coa imaxe que se nos ofrece. Nel recóllense as voces dun narrador omnisciente en terceira persoa, que nos conta todo o que sucede e como se sente o protagonista, e a dos propios personaxes que dialogan entre eles. Emprégase unha linguaxe sinxela e comprensible a todas as idades, coa mesma letra para ambas intervencións, que só se diferencian no tamaño, pois cando un personaxe fala, o que di escríbese en letras máis grandes e hai un espazo entre esas palabras e o resto da narración. Esta historia xira ao redor do pequeno esquío vermello que acaba de perder recentemente a súa nai e está moi triste, porque pensa que sen ela nunca máis volverá ser feliz. Tras falar co seu amigo o moucho e co pai, comprende que, aínda que a nai non estea con el, sempre o vai acompañar debido a que vive no seu corazón.


Potencialidades educativas. Este volume podémolo empregar para traballar cos nenos/as o dó e os sentimentos e emocións que provoca a perda dun ser querido. Tamén nos servirá para darlles resposta a algunhas dúbidas que poidan ter sobre a morte e o sentido da vida, xa que é un tema que se comezou a traballar nas aulas dende hai pouco, por ser un tema “tabú” que ninguén quere tratar cos máis pequenos/as e nós consideramos que é esencial para a súa educación emocional. Así estarémolos preparando para os episodios de perdas familiares e sinalándolles que, aínda que é difícil superalo, as persoas que queremos e falecen, sempre nos van acompañar no recordo e corazón.


Recursos de interese.
Non é fácil, pequeno esquío ilustrado por nenos/as http://es.calameo.com/read/001011021a6d0de86d494

Non é fácil pequeno esquío narrado por nenos/as do CEIP Villa Marín https://www.edu.xunta.gal/centros/ceipvalesvillamarin/aulavirtual2/pluginfile.php/11085/mod_resource/content/0/Videos/1_ciclo/segundo-a-non-e-facil.flv


Autoría. Grupo Baleiras. (Irina Svetlana Bello González, Alessandra Bispo Portas, Judit Cerviño Malvido, Xiomara Laranxeiro Casás)

No hay comentarios:

Publicar un comentario