Breve descrición do formato e do contido. O álbum ilustrado do que vos imos falar a continuación conta a historia dun gorila que vive nun zoo. Os seus coidadores ensináronlle a falar en linguaxe de signos para que sempre puidese ter todo o que quixese (sofás, xogos, televisión…) mais o gorila estaba moi triste. Un día, decidido, o gran gorila pediulles aos seus coidadores un amigo, porque se sentía moi so, pero non había ningún outro gorila nese mesmo zoo, polo que os traballadores decidiron que o seu amigo sería unha pequena gatiña chamada Linda. Dende ese mesmo instante fixéronse moi bos amigos, facían todo xuntos e eran moi felices, ata que de pronto, un día, mirando unha película, o gorila enfureceuse tanto que rompeu o televisor. Os coidadores do zoo preocupáronse e decidiron separar aos dous amigos, mais pasou algo que non esperaban. Linda e o gorila queríanse tanto que non podían imaxinar estar separados, polo que a gatiña, en linguaxe de signos, díxolles que fora ela quen o rompera, para poder, así, seguir estando co seu gran amigo.
Na imaxe exterior deste álbum ilustrado aparecen os dous protagonistas e xa se pode apreciar a tenrura que transmiten e os grandes detalles cos que están feitos os debuxos. As ilustracións interiores ocupan a maior parte das páxinas e seguen a mesma liña, transmiten moita tenrura, teñen moitos detalles e, malia non ter moito colorido, son moi chamativas. Algo a destacar é que as miradas dos protagonistas son moi realistas e expresivas.
O discurso textual segue a liña de introdución, nó e desenlace. Cómpre dicir que non hai moito texto en cada páxina e está escrito con letra grande, facilitando a súa lectura. Son oracións sinxelas, curtas e, polo tanto, doadas de ler e comprender.
Potencialidades educativas. En canto as potencialidades desta obra para o alumnado de Educación Infantil podemos dicir trata de forma directa o tema da amizade e de como se pode ser amigos sen ter en conta as diferenzas que existan entre eles. Mostra como os amigos fan calquera cousa por axudarse e permanecer xuntos. Ademais, aparece algo tan importante como é a linguaxe de signos. Ademais da amizade, pódense traballar temáticas como a diversidade, a linguaxe de signos, os animais e os sentimentos... xa que todas elas aparecen, en maior ou menor medida, ao longo do conto.
Recursos de interese.
Grupo: Cabaciñas (Laura Domínguez Álvarez, Tania García Pereira, Janira Gil Lago, Noelia Gontad Saavedra, Emma Juncal Paredes)
No hay comentarios:
Publicar un comentario