Breve descripción do formato e do contido. Estamos ante un álbum ilustrado coa tapa dura. No centro da cuberta aparecen dous amigos (dúas rás), Leopoldo e Casilda, que son os protagonistas da historia. Detrás deles están a nai de Leopoldo e máis o pai de Casilda. Tamén podemos observar unha casa ao fondo da paisaxe montañosa que, segundo o conto, deducimos que é a casa de Leopoldo e da súa nai. A ilustración desta cuberta chama a atención da nenez, xa que hai unha gran variedade de cores. Na parte superior está o título do libro e o nome da autora; e na parte inferior dereita aparece o nome de Faktoria K de libros, que é un selo editorial de Kalandraka. As gardas son de cor verdoso como as propias ras do conto e hai uns círculos por toda a páxina que poderían recordar os ollos das ras. En canto ás páxinas interiores, o texto que aparece é moi breve e non sempre se encontra situado na mesma parte da folla. As ilustracións son moi coloridas e detalladas, non se trata de debuxos sinxelos, se non que tanto os personaxes como as partes da casa que aparecen están bastante traballadas. Este libro fala sobre o amor dos pais aos nenos e do amor entre dous amigos, Leopoldo e Casilda. Cóntase a historia de como os pais axudan os nenos a facer diferentes cousas da vida cotiá (durmir, comer, peitearse…) e fomentan a amizade entre os fillos de ambos.
Potencialidades. Esta historia permítenos traballar as composicións das familias, que non todas son iguais como a de Leopoldo e Casilda, que son familias monoparentais. Tamén permítenos traballar o tema dos sentimentos (en especial o amor e a amizade), e as tarefas da vida cotiá. Incluso, como os protagonistas son dúas ras, pódese traballar con este animal e que os nenos investiguen cal é o seu hábitat, de que se alimentan etc.
Autoría. Amorosiñas (T. Alfaya, R. Castro e P. Collazo).
No hay comentarios:
Publicar un comentario